Educación pon a punto os centros de ensino cara ao novo curso

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad comprobou hoxe as melloras realizadas nos CEIP Vicente Risco e A Canicouva e no IES Santa Irene, todos eles en Vigo, nos que se investiron este ano máis de 132.500 euros. “Deste xeito- explicou- o investimento do departamento educativo da Xunta de Galicia nos centros educativos da cidade olívica e da súa área metropolitana nos últimos anos elévase a máis de 28 millóns de euros, o que demostra o noso compromiso con esta comunidade educativa. De feito, só na cidade de Vigo as obras realizadas acadan case os 15 millóns de euros, dando resposta ás diferentes demandas dos centros e as familias, tal e como é o caso dos colexios e instituto que hoxe visitamos”.

No caso do CEIP Vicente Risco, no que o conselleiro estivo acompañado pola delegada da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, vén de rematar a reforma e adecuación da instalación eléctrica á normativa vixente, así como a reforma da cuberta, moi solicitada polo propio centro, o que supón máis de 81.000 euros en obras. “Falamos –indicou Vázquez Abad- duns traballos que permiten eliminar filtracións de auga, grazas á colocación dunha nova cuberta a base de panel conformado de chapa de aceiro prelacado e illante de espuma de poliuretano, así como de novos canlóns de chapa de aceiro prelacado. Así mesmo, seláronse os remates dos ventanais das fachadas da primeira planta”.

Con estes traballos o investimento no centro – no que están matriculados 107 estudantes – desde 2009 ascende a máis de 119.300 euros, ao abeiro do que se instalaron 2 aulas Abalar, se realizaron melloras na estrutura do edificio, e se aportaron fondos para a súa biblioteca. Ademais o CEIP asinou dous contratos-programa coa Consellería, en concreto nas liñas de acompañamento fóra do horario escolar e de mellora da lectura, da escritura e do cálculo.

CEIP A Canicouva

Por outra banda, o departamento de Cultura e Educación destinou no 2014 máis de 43.700 euros ao colexio de educación Infantil e Primaria A Canicouva, no que estudan 269 alumnas e alumnas, para realizar a substitución da carpintería exterior da fachada principal, colocando unha nova de aluminio con acristalamento con rotura de ponte térmica e con cadansúas persianas de aluminio inxectado. Tal e como sinalou o conselleiro, trátase dunhas obras que contribuirán a mellorar as condicións térmicas das instalación do centro, cun correspondente aforro enerxético. Estas melloras súmanse ás realizadas desde o ano 2009 para a renovación da cuberta do centro e nas instalacións de fontanería e, xunto coa aula dixital instalada no centro e aos fondos destinados á súa biblioteca – que forma parte do Plan de Mellora (PLAMBE)- elevan o investimento da Consellería neste CEIP a máis de 156.600 euros.

IES Santa Irene
O conselleiro de Cultura e Educación comprobou ademais esta mañá o avance das obras no IES Santa Irene, no que se está a realizar unha reforma do soto, por importe de máis de 11.240 euros, e que se engaden ás melloras realizadas en anos anteriores nas intalacións de calefacción e eléctrica, nas fiestras, nas carpinterías de madeira e de substitución de vidros e barras antipánico e outras pequenas reformas. “O centro conta ademais con 6 aulas Abalar e vai ver este ano reforzado o apoio á súa biblioteca escolar coa súan entrada no PLAMBE”, sinalou Vázquez Abad, situando en máis de 320.000 euros o investimento total no centro – que conta con 834 estudantes- desde 2009.

Durante as visitas o conselleiro estivo acompañado polo xefe territorial da Consellería na provincia, César Péres Ares, así como pola directora do CEIP Vicente Risco, Obdulia Cristobo; do CEIP A Canicouva, Ramón Méndez; e do IES Santa Irene, José María Martínez.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar