Rematan os campamentos de verán, nos que participaron 8.200 mozos

Campamentos verán Rematan hoxe en toda Galicia os campos de traballo, intercambios, campamentos e actividades para maiores de 18 anos organizados pola Consellería de Traballo e Benestar, a través da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, no marco do programa Campaña de Verán.

A oferta deste ano foi de 8.268 prazas, o que supuxo aumentar nun 2,7 por cento as prazas do ano anterior. Con esta iniciativa, Galicia puido seguir ofrecendo aos mozos e mozas galegas e ás súas familias un recurso de ocio educativo, tempo libre e conciliación de primeiro nivel.

O Goberno galego realizou nesta campaña un investimento de máis de 2,3 millóns de euros. Este orzamento non só beneficia aos usuarios das distintas actuacións, senón que tamén permitiu a contratación de máis de 900 persoas como monitores e directores de tempo libre.

Os campamentos de verán para os menores de idade tiveron lugar nos meses de xullo e agosto, e desenvolvéronse nun total de 19 albergues e campamentos en toda Galicia.

Parte destas instalacións tamén foron ofertadas a entidades sen ánimo de lucro para que puideran organizar as súas propias actividades de verán, no que se coñece como oferta concertada. Deste xeito, un total de 32 asociacións xuvenís, entidades prestadoras de servizos á xuventude, escolas de tempo libre e concellos participaron neste sistema, polo que a Consellería de Traballo e Benestar puxo a disposición destas entidades as súas instalacións xuvenís para a organización de campamentos de verán. A través desta fórmula, ofertáronse un total de 1.724 prazas en doce instalacións.

Ademais, os mozos galegos tamén participaron en campamentos de intercambio noutras comunidades autónomas, concretamente no País Vasco, Castela e León, Estremadura e a Rioxa. Pola súa banda, participantes doutras comunidades autónomas poideron vir a Galicia.

A duración dos campamentos oscilou entre os oito e os doce días, en función da idade dos participantes e das características dos mesmos, con actividades con contido diferente, desde aquelas de carácter náutico, de dramatización e expresión cultural, a xogos tradicionais, ou deportes de multiaventura. Ademais, este ano organizouse por primeira vez un proxecto piloto para realizar actividades en inglés no Poboado dos Peares, co obxectivo de elevar o nivel idiomático dos participantes.

Como todos os anos, tamén se colaborou coa Secretaría Xeral de Emigración para facilitar a participación de descendentes de emigrantes galegos. Así mesmo, reserváronse unha serie de prazas para colectivos específicos, que foron xestionados pola Secretaría Xeral de Igualdade, a de Política Social e a Dirección Xeral de Familia e Inclusión.

Unha importante novidade na orde deste ano foi que os mozos e mozas con discapacidade inferior ao 65 por cento puideron participar na convocatoria, optando polo procedemento xeral ou ben polo de prazas reservadas para a inclusión social.

Actividades de maiores de 18 e campos de traballo
Ademais dos campamentos e da oferta concertada, a campaña de verán tamén incluíu actividades para mozos e mozas de entre 18 e 30 anos, cunha programación de calidade onde se fomentou o intercambio de experiencias e o coñecemento do territorio.

Nesta campaña de verán tamén se ofertaron 649 prazas para a participación de mozos e mozas de entre 18 e 30 anos en campos de traballo, das que 249 foron de envío a outras comunidades autónomas (101 prazas) e a outros países (148 prazas). Con estes datos, Galicia é a comunidade española con máis prazas en campos de traballo internacionais.

As outras 400 prazas foron de acollida nos campos que se organizan en Galicia e nos que participaron mozos e mozas procedentes de todo o mundo, doutras autonomías, da emigración exterior e da nosa comunidade.

Os mozos e mozas galegos puideron optar a participar tanto nos 14 campos de Galicia como nos que se ofertaron en 11 comunidades autónomas e en 27 países de 4 continentes distintos: Europa, Asia, África e América do Norte. As quendas foron de entre 12 e 15 días, e os campos centráronse en actividades ambientais, etnográficas, sociais, arqueolóxicas ou de fomento do emprendemento. Esta iniciativa foi dirixida a mozos e mozas galegos, a residentes noutras comunidades autónomas, así como de outros países como Francia, Alemaña, Grecia, Italia, Corea do Sur ou Xapón, así como voluntarios procedentes da Galicia exterior. A mocidade galega tamén asistiu a actividades organizadas noutras comunidades autónomas e no estranxeiro, en países como República Checa, Finlandia, México ou Taiwán.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar