Últimos días para a participación no XI Premio de Poesía Afundación

Os interesados en participar na duodécima convocatoria do Premio de Poesía Afundación poderán presentar os seus orixinais ata o vindeiro 5 de setembro, data na que remata o prazo de entrega desta nova edición que a Fundación Galicia Obra Social (Afundación) organiza en colaboración coa Xunta de Galicia e co Centro Pen de Galicia. O seu obxectivo é recoñecer libros de poemas escritos en lingua galega.

Ao certame poderán concorrer obras inéditas, non presentadas a ningún outro concurso e cunha extensión mínima de 600 versos. O xurado cualificador estará constituído por cinco persoas de recoñecido prestixio no ámbito literario, e a súa decisión farase pública a través dos medios de comunicación no mes de novembro. O texto gañador recibirá un único premio de 6000 euros e será publicado, ademais, na colección «Arte de Trobar», editada polo Centro Pen de Galicia e a fundación galega.

As bases completas do premio pódense consultar no link que segue http://www.obrasocialncg.com/ga/cultural/premios_concursos .

 

 

A HISTORIA DO PREMIO

O galardón botou a andar no ano 2002 por iniciativa do Pen Club de Galicia e de Afundación. No seu elenco de gañadores figuran poetas galegos como Xavier Seoane, María do Cebreiro, Román Raña, Arcadio López Casanova, Marilar Aleixandre, Carlos Penelas, Luís Valle Regueiro, Emma Pedreira, Xavier Rodríguez Baixeras, X. Daniel Costas, e Yolanda Castaño que foi o gañadora, entre os 52 orixinais presentados, da anterior convocatoria.
A presente edición, a duodécima, conta por segundo ano consecutivo co apoio e a participación da Xunta de Galicia, que decidiu implicarse no proxecto para garantir a estabilidade do premio e para estimular a creación literaria en Galicia. Afundación e mais o Centro Pen de Galicia, tras once anos de implicación e compromiso coa poesía e coa literatura galegas, continúan a traballar por un xénero indispensable que, aínda que minoritario, serve de alicerce para a consolidación da renovación estética e para a normalización da lingua galega.

A Fundación Galicia Obra Social (Afundación), entidade herdeira da obra social e cultural das caixas de aforros, ten entre os seus obxectivos fundacionais o fortalecemento do tecido social galego, o fomento do emprego e a difusión da cultura nas súas múltiples facetas e manifestacións. Logo de se adaptar ao actual contexto socioeconómico que a situou perante novos sistemas de xestión, a entidade continúa a traballar a prol dos seus propósitos fundacionais e primixenios, porque segue a ser consciente de que o fortalecemento do sector social e cultural é fundamental para o avance de Galicia.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar