Vázquez visita obras de restauración na Ribeira Sacra luguesa

Xesús Vázquez_actuacións na Ribeira Sacra luguesa

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, visitou as obras de restauración que a Dirección Xeral de Patrimonio está a levar a cabo en catro concellos de Lugo. Estas actuacións sustentan o apoio da Xunta de Galicia á candidatura da Ribeira Sacra como ben integrante do Patrimonio Mundial da UNESCO. Na súa visita á igrexa San Paio de Diomondi no concello de Saviñao, á igrexa de Santa María de Nogueira de Miño, en Chantada, ao santuario de Cadeiras de Sober e o Mosteiro de Ferreira, en Pantón, Vázquez Abad estivo acompañado pola delegada territorial da Xunta na provincia de Lugo, Raquel Arias, pola directora Xeral do Patrimonio Cultural, Mª Carmen Martínez Insua, e polo xefe territorial da mesma provincia, José Jesús Ramos Ledo.

Estas actuacións veñen a constatar o compromiso que o departamento de Vázquez Abad ten coa conservación, mantemento, restauración e o patrimonio cultural inmoble de Galicia. En concreto, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria leva investido preto de 975.000 de euros durante os últimos cinco anos na comarca da Ribeira Sacra.

Xesús Vázquez_actuacións na Ribeira Sacra luguesa_2

SAN PAIO DE DIOMONDI

A primeira hora da mañá, Vázquez Abad visitou a Igrexa de San Paio de Diomondi, en O Saviñao, onde as obras de restauración están incluídas nas previsións da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural e que se licitarán en breve cun orzamento de preto de 200.000 euros. Estas actuacións pasarán pola reposición do muro derrubado, a mellora dos empuxes da estrutura da cuberta ou o saneamento interior cunha actuación de conservación sobre a madeira. Así mesmo, está previsto actuar nas estruturas de madeira dos niveis intermedios, nos paramentos interiores e substituír a carpintería exterior do oco das ventás. Estas actuacións están encamiñadas a permitir que se poida visitar e coñecer o edificio, polo importante valor que ten.

SANTA MARÍA DE NOGUEIRA

Posteriormente, os representantes da Xunta visitaron a Igrexa de Santa María de Nogueira de Miño, en Chantada, un sobranceiro ben no que a Consellería ten realizado xa a rehabilitación do muro norte; adxudicado a rehabilitación do sur; e licitará proximamente a restauración das pinturas murais do arco triunfal. Con estas actuacións búscase recuperar a lectura da totalidade do programa iconográfico do templo. O orzamento preciso para a total recuperación do conxunto pictórico que ocupa todos os parámetros da Igrexa, e que na actualidade amosa tensións nos estratos polícromos, é de máis de 98.000 euros.

SANTUARIO DE CADEIRAS

Tras estas visitas, Vázquez Abad e Mª Carmen Martínez Insua desprazáronse ata o concello de Sober para visitar o santuario de Cadeiras, un edificio de estilo barroco que data do século XVIII e que presenta elementos construtivos insinuados e iniciados pero carentes de resolución definitiva final e adecuada. Na actualidade estanse levando a cabo no templo unha serie de actuacións para a restauración da cuberta, que ten unha estrutura tradicional de madeira, para a posterior cubrición de tella. Estas accións contan cun orzamento de 171.000 euros.

MOSTEIRO DE FERREIR

Por último, os representantes de Cultura e Educación trasladáronse ata Pantón para comprobar o estado das obras de reparación dos acabados no Mosteiro no que se realizan dous tipos de actuacións: ata unha altura de 1,70 metros elimínanse os revestimentos e sanéanse os parámetros para poder aplicar un revestimento de morteiro e unha pintura de cal. No resto a actuación consiste en traballos de limpeza e pintado á cal. O orzamento preciso para esta intervención é de máis de 29.000 euros.

Cómpre lembrar que o ano pasado xa se acometeu neste cenobio un investimento de preto de 80.000 euros para a reparación da cuberta da Casa das Donas, solucionando os problemas de humidades que tiña este singular inmoble pola súa concepción e uso. Trátase dun dos escasos exemplos que se conservan de celas de importantes señoras da nobreza que levaban unha vida de recollemento, o que o fai sobranceiro e singular.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar