A EGAP e as tres universidades colaborarán na formación do persoal de administración

EGAP

A Escola Galega de Administración Pública, Egap, amplía a súa actividade formativa cunha serie de cursos destinados ao persoal de administración e servizos -PAS- das tres universidades galegas.

Esta acción levarase a cabo a través da sinatura de convenios de colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela (USC), a Universidade de Coruña (UDC) e a Universidade de Vigo (U-Vigo), grazas aos cales se porán en marcha un total de 27 cursos diferentes impartidos en tres modalidades distintas como son a presencial, a teleformación e a autoformación.

No caso da ensinanza presencial, levaranse a cabo 12 cursos nos que se tratarán materias específicas relacionadas coas necesidades do posto de traballo dos empregados públicos das universidades, entre as que destacan os temas relacionados coa comunicación, a administración electrónica ou a creatividade.

En canto a teleformación, a oferta estará composta por un total de 9 cursos, entre os que se atoparán un relacionado coa calidade da redacción, outro coas técnicas de arquivo, un centrado na información e atención ao cidadán ou un enfocado na materia de protección de datos e certificado dixital. Este tipo de cursos teñen como obxectivo ofrecer unha formación igualmente completa e titorizada, pero sen restricións de tipo temporal ou espacial, facilitando así a conciliación da vida laboral e familiar dos alumnos.

Finalmente, tamén se recolle nesta oferta 6 títulos na modalidade de autoformación, que lles permitirán a aqueles interesados adquirir coñecementos dun xeito autónomo e flexible, a través da elaboración do seu propio plan de aprendizaxe en materias relacionadas coa calidade do servizo, a administración electrónica, os contratos, a redacción de documentos, a responsabilidade patrimonial ou a motivación.

Este é só outro exemplo de colaboración entre institucións, algo necesario nun momento como o actual no que resulta imprescindible a optimización de recursos dispoñibles polos entes públicos. Así, a Egap abre unha nova etapa que pretende chegar a todos os colectivos do sector público de Galicia.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar