1,5 millóns para facer fronte a perda de postos de traballo no sector pesqueiro

Pesca_pesqueiros amarrados

O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar unha Orde da Consellería do Medio Rural e do Mar pola que se convocan para 2014 as axudas de carácter socioeconómico. A través delas, o departamento dirixido por Rosa Quintana destina a esta convocatoria máis de 1,5 millóns de euros, cofinanciados polo Fondo Europeo da Pesca.

Poderán beneficiarse desta liña de axudas tanto os tripulantes de buques pesqueiros afectados por medidas de reestruturación da flota que teñan porto base na Comunidade Autónoma de Galicia como os tripulantes que teñan o seu domicilio fiscal en Galicia, sempre que reúnan os requisitos establecidos na Orde.

O obxecto destas axudas é garantir que os traballadores poidan dispor de ferramentas axeitadas para adaptarse aos cambios sociais que se están a producir no ámbito pesqueiro, así como dispor de mecanismos que permitan paliar os problemas que implican a perda do posto de traballo polos axustes da flota pesqueira e a necesidade de atopar alternativas fóra do sector. Neste sentido, as achegas permitirán paliar os efectos da reestruturación da flota pesqueira e apoiar a reconversión destes traballadores.

Entre os tipos de axudas que se inclúen están as primas por reconversión parcial para apoiar as actividades dos pescadores fóra do sector pesqueiro, que permite a estes profesionais seguir pescando a tempo parcial, sempre que con isto se contribúa a reducir o seu esforzo pesqueiro. Iso si, o proxecto de reconversión debe supor polo menos un 35% da actividade dos solicitantes. Tamén existen subvencións por reconversión profesional total, para apoiar os pescadores que se dedican a tempo completo a un sector distinto ao da pesca.

Tamén se conceden axudas aos pescadores que queiran adquirir por primeira vez unha embarcación e a tripulantes de buques que paralizasen a súa actividade definitivamente como consecuencia dun plan de axuste do esforzo pesqueiro.

Os interesados en solicitar estas achegas poden consultar os requisitos e documentación necesaria no DOG do pasado venres, día 21. As solicitudes poderán presentarse por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na Sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo https://sede.xunta.es, ou tamén de xeito presencial en papel.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar