Os trens turísticos de Galicia son o servizo maís demandado polos visitantes

Tren turístico Galicia tamén viño Cun 91% de ocupación esta fin de semana, os trens turísticos de Galicia estanse a consolidar como un dos produtos turísticos máis demandados este verán desde que a mediados do pasado mes de xuño comezase a funcionar este servizo turístico que contempla 7 itinerarios distintos relacionados coas rutas dos faros, os pazos e xardíns históricos e as cinco denominacións de orixe protexida dos viños de Galicia.

Mañá circularán os trens dos faros, os pazos e xardíns históricos e o da Ruta dos viños Valdeorras-Ribeira Sacra; e o domingo, o dos faros e o da Ruta dos viños O Ribeiro-Rías Baixas. Destes cinco trens, catro presentan unha ocupación do 100% e outro está ocupado en preto dun 70%, á espera de pechar este sábado a venda de billetes.

Os trens turísticos de Galicia xa rexistraron máis de 1.000 viaxeiros hai 15 días, sendo a viaxeira número 1.000 unha ocupante do tren da Ruta dos viños Valdeorras-Ribeira Sacra.

Oferta de fin de semana
Mañá circulará o Tren da Ruta dos faros entre Ribadeo e Ferrol, con visitas a Cabo Ortegal, Santo André de Teixido, Estaca de Bares, Illa Pancha e a Praia das Catedrais.

Ademais, este sábado, o Tren dos pazos e os xardíns históricos, partirá de Santiago de Compostela ata Vigo, con visitas aos pazos de Rubiáns, en Vilagarcía de Arousa, e Quiñones de León, en Vigo; así como ao Castelo de Soutomaior; mentres que o domingo circulará o Tren da Ruta dos faros entre Ribadeo e Ferrol

Valdeorras-Ribeira Sacra
O sábado, o Tren da Ruta dos viños Valdeorras-Ribeira Sacra partirá ás 9.40 horas da estación de Ourense e os viaxeiros chegarán a esta mesma estación ás 20.58 horas, logo de pasar a xornada nas denominacións de orixe protexidas da Ribeira Sacra e Valdeorras.

Logo da partida, o tren dirixirase cara a Santo Estevo de Ribas de Sil, onde os viaxeiros poderán facer unha travesía en catamarán desde o embarcadeiro de Santo Estevo polo encoro do mesmo nome.

Máis tarde, desde Santo Estevo viaxarán en tren ata a estación da Rúa-Petín, na comarca de Valdeorras

No Concello da Rúa, está prevista á visita a unha adega adscrita á Denominación de Orixe Protexida Valdeorras, onde se desenvolverá unha cata dos viños máis senlleiros da zona e unha pequena degustación de produtos gastronómicos locais.

Logo do xantar, os viaxeiros dirixiranse en autobús cara o Santuario das Ermidas, no Concello do Bolo, e no traxecto poderán coñecer a parte occidental da comarca ourensá de Valdeorras.

Tras voltar á estación da Rúa-Petín, onde collerán o tren de regreso a Ourense, os viaxeiros farán un alto na ruta para visitar a Aula do ferrocarril, situada na estación dos Peares.

Desde aquí, xa no tramo final da ruta, achegaranse ata Ourense, onde rematará a xornada.

O Ribeiro-Rías Baixas
O domingo, o Tren da Ruta dos viños O Ribeiro-Rías Baixas partirá da estación de Ourense cara Arbo, na provincia de Pontevedra.

Logo de visitar unha adega situada no concello pontevedrés, o tren dirixirase a Ribadavia, onde farán un tour pola vila e os viaxeiros poderán participar na actividade O túnel do viño, posta en marcha este ano polo Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida O Ribeiro.

Máis tarde, visitarán unha adega desta denominación de orixe e desprazaranse cara a o centro de interpretación arqueolóxica de San Cibrán de Las.

Por útlimo, antes de rematar a xornada en Ourense, o tren deterase na estación de Santa Cruz de Arrabaldo para visitar o museo do automobilismo e do traxe instalado neste edificio.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar