O Centro de Acolllida de Armenteira salva a un can buscado polos donos

 

Centro acollida cans Pontevedra_VCAL
O Centro de Acollida de Animais Abandonados de Armenteira, dependente da Deputación, traballa xa nunha nova campaña de concienciación para chamar a unha tenza responsable dos animais, e evitar situacións de crueldade como a que nas últimas semanas levaron ao centro a animais como Arón.
Trátase dun can abandonado en Marín, rescatado polos responsables do centro nun estado gravísimo e que é a cruz dun traballo que tamén ten a súa cara, como a de Roble (ou Tiburcio, como o rebautizaron no CAAN).
Roble chegou ao Centro de Acollida despois de ser rescatado das rúas de Mos, polas que vagaba desorientado e co risco de sufrir un atropelo ou enfermar por falta de comida e coidados. Pero Roble non estaba só. Os seus propietarios, unha parella de Gondomar, lonxe de abandonalo, pasaron semanas buscándoo ata que, o 14 de agosto, puideron reencontrarse con el no CAAN.
Coma eles, o Centro de Acollida facilitoulles a outros 200 propietarios o reencontro coas súas mascotas perdidas, pero non abandonadas nin esquecidas.

SITUACIÓN DE ABANDONO

Moi distinta sorte que a de Roble, correu Arón, rescatado na madrugada do día 3 de agosto nun acantilado xunto ao paseo da Salina, no concello de Marín.
Alí fora abandonado polos seus propietarios, á sorte das mareas, nun balcón orixinado no propio acantilado. O animal estaba atado cunha corda duns tres metros xunto a dous comedeiros (un con auga e outro con restos de comida), que non o libraban do que seguramente pretendían os autores do abandono, que as mareas acabasen por afogalo.
A súa presenza foi denunciada por uns particulares ao 112 e os operarios de protección civil puxeron o feito en coñecemento do CAAN, que precisou da colaboración dos servizos de protección civil do Concello de Marín e de Moaña, que aportaron unhas cordas e unha escada, para poder rescatalo.
Arón foi hospitalizado durante 14 días, nos que recibiu tratamento veterinario para unhas doenzas das que, malia todos os esforzos, foi imposible recuperalo.
Arón padecía, segundo amosaron os análises que se lle practicaron no CAAN, serios problemas de saúde e finalmente faleceu a causa dunha recaída da enfermidade do fígado que padecía.
25 denuncias tramitadas
O de Arón é tan só un dos múltiples casos que cada día chegan ao CAAN e que dan mostras da persistencia dunha conduta cruel cos animais por parte de moitas persoas.
Para tratar de frealas, o CAAN denuncia sempre os casos de mal trato que detecta e, aínda que en moitos casos é imposible que haxa unha condena por falta de probas ou imputados, noutros casos si se consegue.
Así, nos seus 16 meses de funcionamento son 25 as denuncias que o centro leva tramitado, despois de ter identificado ao autor dos malos tratos ou do abandono.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar