Plans de eficiencia enerxética para os hospitais galegos

Conselleira Sanidade_Rocio Mosquera_visita ao Arquitecto Marcide Hospital Ferrol

A conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera Álvarez, visitou hoxe, na compaña do xerente de Xestión Integrada, Ángel Facio Villanueva, o Hospital Arquitecto Marcide, onde se informou do estado das actuacións que se están a realizar para a implantación do Plan Integral de Eficiencia Enerxética do Servizo Galego de Saúde nas instalacións de Ferrol, e comprobou a evolución das obras da fachada do suroeste. Na visita tamén estivo presente o director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Félix Rubial Bernárdez.

As actuacións en eficiencia enerxética están integradas no contrato de subministración enerxética e o mantemento e conservación de edificios, instalacións e equipos no Hospital Arquitecto Marcide e no Hospital Naval de Ferrol, e inclúe medidas como a renovación do alumeado interior, a renovación total do sistema de caldeiras, a implantación de dúas caldeiras de biomasa no Hospital Naval, a renovación total do sistema de produción de frío para climatización e a implantación dun sistema de monitorización enerxética integral.

Así, priorizouse a instalación das máquinas de frío, que son as encargadas de proporcionar ao sistema de climatización o frío necesario para satisfacer as condicións de confort necesarias. Estas dúas novas máquinas substitúen ás dúas coas que contaba o Hospital Arquitecto Marcide ata o de agora.

No que se refire ás instalacións de calor, está prevista, para os próximos días, a instalación das novas caldeiras de vapor, mentres que se prevé para o final de verán que se inicien os traballos para a instalación das caldeiras de calefacción e biomasa.

Lembrar que este Plan Integral ten como obxecto promover medidas de aforro mediante a eficiencia enerxética nos centros hospitalarios Arquitecto Marcide e Naval da Xerencia de Xestión Integrada de Ferrol. Con este obxectivo, intégranse a xestión do subministro enerxético prestacional -que se refire ao subministro de enerxía útil, eléctrica, térmica e frigorífica-, e o servizo de mantemento, de xeito que se poidan afrontar as actuacións de mellora e renovación das instalacións que sexan necesarias para garantir un aforro enerxético mínimo do 20%. Este contrato foi adxudicado á UTE formada por Ferrovial Servicios e Endesa Energía por un importe de preto de 22 millóns de euros para un período de oito anos.

Obras na fachada
Rocio Mosquera tamén comprobou o estado das obras de mellora da fachada do suroeste do Hospital Arquitecto Marcide, que veñen de iniciarse recentemente.

As obras sobre a fachada abordarán a execución de revestimento integral da mesma con panel composite de tipo pétreo. Realizarase por fases e estanse a iniciar coa limpeza integral, reparación de gretas e fisuras, e colocación de illamento, ata chegar á montaxe e desmontaxe de fiestras, e fixación da nova fachada. Esta obra foi adxudicada á empresa Estructuras de Hormigón y Construcciones ALPA, por preto de 240.000 euros, e ten un prazo de execución de 55 días.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar