Comeza a temporada lírica da Coruña

A nova Temporada Lírica da Coruña comeza hoxe as súas actividades coa inauguración ás 19.30 h da exposición «Piero Tosi, un deseñador de Oscar», que chega a España por vez primeira e que se poderá visitar no Centro Sociocultural de Afundación ata o 7 de setembro. O programa inclúe tamén conferencias, concertos e un ciclo de cine, todos con acceso libre e gratuíto. O prestixioso director de orquestra Alberto Zedda impartirá, así mesmo, un curso de interpretación vocal entre o 25 de setembro e o 11 de outubro.

A presidenta de Amigos de la Ópera, Natalia Lamas, o director artístico da Temporada Lírica, César Wonenburger, e a directora de Artes Plásticas de Afundación, Paloma Vela, presentarán en rolda de prensa os contidos desta programación ás 11.30 h, no centro Sociocultural de Afundación na Coruña, Cantón Grande s/n.

Coincidindo coa programación de A traviata na Temporada, nunha nova produción cuxo vestiario está inspirado no que o deseñador Piero Tosi realizou no seu día para o filme O gatopardo, Amigos de la Ópera, a Fundación Tirelli de Roma e Afundación organizan unha mostra con algúns dos vestidos orixinais que o cinco veces candidato ao Oscar, e gañador do Oscar Honorífico por toda a súa carreira o ano pasado, deseñou para filmes como Morte en Venecia de Luchino Visconti e Medea de Pasolini, a única película que protagonizou María Callas.

A Fundación Galicia Obra Social (Afundación), entidade herdeira da obra social e cultural das caixas de aforros, ten entre os seus obxectivos fundacionais o fortalecemento do tecido social galego, o fomento do emprego e a difusión da cultura nas súas múltiples facetas e manifestacións. Logo de se adaptar ao actual contexto socioeconómico que a situou perante novos sistemas de xestión, a entidade continúa a traballar a prol dos seus propósitos fundacionais e primixenios, porque segue a ser consciente de que o fortalecemento do sector social e cultural é fundamental para o avance de Galicia.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar