Alta calidade da auga de consumo

Galicia mantén unha alta calidade das augas de consumo humano. Así o destacou hoxe, en rolda de prensa, o subdirector xeral de Programas de Control de Riscos Medio Ambientais para a Saúde da Consellería de Sanidade, Ángel Gómez Amorín. Ademais, tamén subliñou o desenvolvemento satisfactorio do programa durante o ano 2013.

A Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública da Consellería de Sanidade executa o Programa de vixilancia sanitaria de augas de consumo humano que, con carácter autonómico, vén funcionando na nosa Comunidade dende hai varias décadas.

Resultados do programa
Durante o ano 2013, realizáronse máis inspeccións sanitarias e control analítico na vixilancia sanitaria que no ano 2012 (1.572 controis analíticos no pasado ano fronte ás 1.504 realizadas en 2012).

O obxectivo de cara aos vindeiros anos é seguir realizando actuacións para mellorar a calidade dos abastecementos e da auga do consumo humano, incluídas as súas infraestruturas.

Cómpre sinalar que os abastecementos clasifícanse en prioridade alta, media ou baixa en función de diversos factores -poboación abastecida, calidade da auga ou posibles perigos diagnosticados asociados a un abastecemento, entre outros-. Tendo en conta as prioridades establecidas no programa de vixilancia, o 49% do total correspóndese con abastecementos de prioridade baixa, o 42% con abastecementos de prioridade media e o 9% con abastecementos de prioridade alta. Subliñar que, con respecto ao 2012, a porcentaxe de abastecemento con prioridade media e baixa aumentou, diminuíndo os abastecementos de prioridade alta.

Prioridade alta, media e baixa
O sistema de vixilancia que se establece dentro deste Programa está orientado a identificar e valorar os factores que poidan presentar riscos para a saúde nas augas de consumo humano, co fin de poder xestionalos para diminuír o risco de enfermidade asociada ao consumo de auga. Como xa se sinalou, para a implantación deste sistema de vixilancia realízase a clasificación dos abastecementos -prioridade alta, media baixa-, sobre a base das súas características, para poder dar prioridade ás actuacións, optimizando a súa efectividade e garantindo a eficiencia.

As actuacións dentro do Programa establécense nunha dobre vía, por unha parte, a inspección sanitaria dos abastecementos -que inclúe unha inspección documental e estrutural do abastecemento, xunto coa recollida de mostras de auga-; e, por outra parte, a vixilancia da calidade da auga nas redes de distribución dos abastecementos, coa determinación do cloro libre residual e a realización de analíticas de mostras de auga. A frecuencia da inspección e de determinación analítica establécese pola prioridade que ten cada una dos abastecementos.

A actuación ante os incumprimentos consiste na comunicación por parte da xefatura territorial da Xunta ao concello e/ou xestor do incumprimento para que adopte as medidas correctoras precisas e confirme o incumprimento. Dende a xefatura ademais realizarase o seguimento e tomará as medidas que considere necesarias para salvagardar a saúde dos usuarios, así como a adopción doutras medidas por incumprimento da normativa sanitaria vixente.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar