O 112 mobilizou recursos de emerxencias en 268 mil ocasións no primeiro semestre

112_Santiago

O Centro de Atención ás Emerxencias, CAE 112 Galicia, resolveu máis de 90.000 incidencias durante o primeiro semestre do 2014 mediante a mobilización dos recursos de emerxencias en 268.000 ocasións. Das 585.000 chamadas atendidas no CAE 112 Galicia neste período, o 15,5 por cento derivaron en situacións de urxencia que precisaron, na maior parte dos casos, da asistencia sanitaria e da intervención das forzas da orde e dos servizos de rescate e extinción de incendios, isto é, bombeiros, grupos supramunicipais de emerxencias (GES) e axentes de Protección Civil.

Por tipoloxías, o 45 por cento das intervencións estiveron relacionadas con incendios urbanos e industriais, rescates, fugas de gas, derrames e verteduras de substancias, recollida de animais e a activación de plans especiais de protección civil; o 30 por cento coa atención sanitaria; o 15 por cento con seguridade cidadá e un 9 por cento con accidentes en estradas, laborais, ferroviarios e marítimos.

Os concellos da franxa atlántica, especialmente a cidade de Vigo, son os que concentraron o maior número de incidencias. As provincias da Coruña e Pontevedra suman o 74 por cento, mentres que Lugo e Ourense supoñen só o 26.


INFORMACIÓN ÚTIL

A páxina web do CAE 112 Galicia (www.axega112.org) continúa a ser un referente de información para a cidadanía, pois, ademais de resumos sobre os sucesos máis destacados, se pode consultar unha guía de consellos de autoprotección para previr accidentes en estradas, no mar, no río, en piscinas, ante episodios de meteoroloxía adversa, en eventos con afluencia masiva de público; incendios, enxames, etc. Igualmente, a través da páxina web, se informa á poboación da activación de alertas por meteoroloxía adversa e dos plans especiais de protección civil. Por iso, durante os primeiros seis meses do ano, a web recibiu arredor de 340.000 visitas, ou sexa, un 12 por cento máis que no mesmo período en 2013.

PREVENCIÓN E ANTICIPACIÓN

A Axencia Galega de Emerxencias (Axega) traballa nas formas de atallar e anticiparse aos riscos potenciais, por iso, é parte activa de moitos dos simulacros de emerxencias que se realizan na Comunidade. A través do CAE 112 Galicia, se ofrece, ao organismo que o solicite, a cobertura e a coordinación dos recursos de emerxencias intervenientes nos exercicios simulados.

Durante este primeiro semestre do 2014, o 112 Galicia participou en case un cento de simulacros, na maior parte, solicitados por centros educativos, pero, tamén, promovidos pola propia Administración, cuxa misión é a posta a punto dos plans especiais de protección civil. Así, nestes meses, se levaron a cabo exercicios en empresas de risco químico -como Reganosa, Cepsa ou Syngenta- e tamén ao abeiro de proxectos de cooperación transfronteiriza en materia de emerxencias, como é o ARIEM 112.

GALI

O Grupo de Apoio Loxístico (GALI) da Axencia Galega de Emerxencias adoita participar naqueles simulacros nos que é necesario o emprego do seu material de intervención especializada (semi remolques de iluminación, excarceración, loita contra a contaminación, etc.), do seu sistema de comunicacións ou mesmo a disposición do Posto de Mando Avanzado (PMA). No primeiro semestre do ano 2014, o GALI estivo presente en catro simulacros, pero tamén en emerxencias reais e de gravidade, como, por exemplo, a busca dos desaparecidos no mar en Valdoviño e Foz e o accidente marítimo en Marín. Igualmente, nestes meses, o GALI se desprazou a diversos eventos con afluencia masiva de público co obxectivo de garantir as medidas de seguridade.

Control da calidade do servizo
O CAE 112 Galicia conta cun sistema de control e xestión da calidade do servizo. Ademais de estar certificado pola Norma ISO 9001:2008, a Axencia Galega de Emerxencias segue a traballar para acadar un sistema cada vez máis complexo que garante a correcta prestación do servizo e colme as expectativas dos usuarios. Cómpre lembrar que as chamadas ao 112 Galicia se contestan en apenas tres segundos e as emerxencias se xestionan en 24.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar