A Xunta mobiliza 25 millóns en préstamos para financiar as PEMES

A Xunta de Galicia, coa finalidade de colaborar co tecido empresarial galego consolidando a recuperación económica, ten en marcha, no marco do programa Galicia 1000, distintas iniciativas que buscan dar resposta ás necesidades que poida ter a empresa en función da súa situación. Neste contexto, a Consellería de Economía e Industria mobilizará este ano financiamento de circulante para máis de 300 empresas ao abeiro do programa Resolve, que prevé achegar preto de 25 millóns de euros para financiamento de activo corrente e, así, facilitar o funcionamento das empresas.

Así, no marco do convenio asinado polo Igape con entidades financeiras e as sociedades de garantía recíproca (SGR), as empresas poden acceder a préstamos avalados nun 100% para financiar o activo corrente que precisan para desenvolver a súa actividade. Os préstamos serán avalados por unha SGR e contarán cun reaval achegado polo Igape polo 25% do total.

Esta liña financiará préstamos para circulante comprendidos entre 3.000 e 150.000 euros. Os prazos de amortización serán de ata 5 anos, incluíndo ata 2 de carencia. O prazo de presentación de solicitudes ao amparo do programa Resolve está aberto ata o próximo 30 de outubro.

Deste xeito, a Xunta de Galicia segue a achegar posibilidades de financiamento ao tecido empresarial galego, no marco do programa Galicia 1000, que está dotado con 50 millóns de euros prevé mobilizar arredor de 200 millóns de euros en investimentos de pemes e novos emprendedores.

O Galicia 1000 inclúe financiamento bonificado para microcréditos ou préstamos, préstamos directos e préstamos participativos para financiar os investimentos de emprendedores, autónomos ou Pemes.

Mediante este paquete integral de financiamento, a Xunta de Galicia colabora co empresariado galego nas diferentes situacións financeiras que poida atravesar, co obxectivo de procurar que ningún proxecto viable quede sen levarse a cabo por falta de apoio axeitado.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar