Comeza a rodaxe de “O descoñecido”, protagonizada por Luis Tosar e participada por TVG

O desconoñecido Pelicula Tosar enma Lustres_Dani de la Torre

A Coruña acollerá desde este próximo luns a rodaxe de “O Descoñecido”, nova película participada pola TVG e primeira longametraxe para a gran pantalla de Dani de la Torre, realizador da Televisión de Galicia. Este mediodía presentouse na cidade herculina o inicio da filmación, por parte da directora da produtora de Vaca Films, Emma Lustres; da directora da TVG, Rosa Vilas; do director, Dani de la Torre, e do elenco principal, encabezado por Luís Tosar, Goya Toledo, Javier Gutiérrez, Fernando Cayo, Elvira Mínguez e Antonio Mourelos.

Durante 7 semanas, as rúas da cidade servirán de localizacións para trepidantes escenas de acción desta longametraxe de suspense psicolóxico, que conta cun guión de Alberto Marini (“Mientras duermes”) e cuxa trama comeza unha mañá cotiá cando Carlos (Luís Tosar), executivo de banca, leva os seus fillos ao colexio. Ao arrancar o seu coche, recibe unha chamada anónima que lle anuncia que ten unha bomba debaixo do seu asento. A voz do descoñecido comunícalle que ten apenas unhas horas para reunir unha elevada cantidade de cartos.

 

DANI DE LA TORRE

Para Dani de la Torre, profesional que acumula ampla experiencia en curtametraxes, como realizador para televisión e como director, entre outros traballos, da miniserie “Mar Libre”, ficción pola que recibiu numerosos galardóns, esta película é todo un reto. “É un thriller psicolóxico, unha ‘round movie’ pola cidade. A vida deste home vaise despezando minuto a minuto, loitando por salvar a súa vida e as dos seus fillos. É unha montaña rusa en que o espectador sufrirá moito connosco e se emocionará connosco tamén”, explicou.

O protagonista da cinta, Luís Tosar, recoñeceu que se trata dun filme “moi trepidante” e onde “todo pasa en tempo real”. Neste senso, sinalou que se trata dunha “película moi valente e arriscada, na que hai que contar moitas cousas e que tecnicamente é moi complexa, e Dani de la Torre complicouna aínda máis”.

Ademais dos actores que interviñeron na presentación, tamén forman parte do reparto Luís Zahera, Xabier Deive, Xosé Barato, Daniel Currás, Camila Bossa, María Mera, Ricardo de Barreiro e os nenos Paula del Río, Marco Sanz e Braulio Vilches.

“O Descoñecido” está producida por Vaca Films e Atresmedia Cine, en coprodución con La Ferme Productions e coa participación da Televisión de Galicia e Atresmedia.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar