Interceptado un condutor que perseguía a súa exparella

Axentes da Policía Local interceptaron en A Coruña a un condutor tras recibir o aviso de que estaba a seguir a súa exparella na avenida de Alfonso Molina, segundo informa a Xefatura Municipal. A muller non presentou denuncia, aínda que explicou aos axentes que recibía ameazas ao móbil tras romper a relación.

Sobre as 17,35 horas deste luns, o 092 recibiu unha chamada na que se lles informaba de que unha muller era seguida no seu vehículo pola súa exparella na avenida de Alfonso Molina. Pouco despois, ambos os dous vehículos foron interceptados por un vehículo policial na Rolda de Outeiro, á altura da estación de trens.

A muller explicou aos axentes que deixara recentemente a relación sentimental e que viña sufrindo ameazas continuas no móbil. Ademais, sinalou que, ao saír do traballo, observou que a súa exparella a seguía nun vehículo, situándose varias veces á súa altura, intentando que parase o coche.

O home, que presentaba un grande estado de nerviosismo, recoñeceu os feitos. Segundo a Policía, “unha testemuña presenciou dende o principio as manobras temerarias do vehículo, decidindo seguilos e colaborando cos axentes policiais”.

Finalmente, a muller non quixo presentar denuncia formal polos feitos, mentres que a Policía asegura que “valorando a situación e estado anímico do varón, se decidiu non practicar a súa detención”.

Como medida de seguridade, os axentes ordenáronlle que estacionase o vehículo no lugar, ata tranquilizarse, dando tempo a que a muller se afastase e conminándole a que depuxese a súa actitude no futuro. Os axentes puxeron os feitos en coñecemento do Xulgado de Garda, a través do Corpo Nacional de Policía.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar