Unha aplicación para móbiles permite consultar a predicción meteorolóxica por concellos

Ethel Vázquez presenta a nova aplicación para móbiles predicción meteorolóxica tempo concellos

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas vén de poñer en marcha unha nova aplicación gratuíta Meteogalicia coa que os cidadáns poderán consultar a información de predición e das redes de observación de Meteogalicia por concellos e para un horizonte de ata 10 días, a través dos seus dispositivos móbiles.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, xunto ao xerente de Proxectos de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Pablo Ferreiro Fernández, o secretario xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, Justo de Benito, presentou esta mañá esta nova ferramenta ao servizo dos cidadáns, que permite consultar información meteorolóxica desde calquera punto a través do teléfono móbil, “non só permitirá saber se chove ou teremos sol, senón que tamén se poderá consultar o estado do mar, a predición para todas as praias de Galicia e das mareas”.

Tal e como explicou Ferreiro Fernández, dende a sección Observación tamén se pode acceder ás imaxes en tempo real do radar de Meteogalicia e do satélite Meteosat, así como visualizar vídeos das últimas horas destes dous servizos. Trátase dunha aplicación gratuíta dispoñible para dispositivos Android e iOS, tanto para smartphone como tablets e estase a deseñar unha versión para os usuarios de Windows phone e BlacberryOS, sinalou Pablo Ferreiro.

Tamén se está a traballar para que as próximas versións se poida acceder a datos en tempo real das estacións meteorolóxicas de calidade do aire e das boias oceanográficas da Xunta, que aportan información sobre as mareas, así como aos avisos meteorolóxicos por concellos. “Unha información de alta importancia non só para os alcaldes senón tamén para os cidadáns en caso de temporais ou adversos meteorolóxicos, como os rexistrados durante o inverno pasado, aclarou a conselleira.

Vázquez Mourelle engadiu que a aplicación Meteogalicia nace coa intención de trasladar aos dispositivos móbiles toda a información de predición e das redes de observación de Meteogalicia, xa que nos últimos anos un importante segmento da poboación accede a internet a través dos seus móbiles. A previsión da Xunta é que esta aplicación sexa un referente para a consulta da información meteorolóxica, tal e como o é a páxina web de Meteogalicia, que segue a ser unha das páxinas máis visitadas en Galicia. Segundo os datos de uso e impacto que contabiliza Meteogalicia nos sete primeiros meses do ano o número de visitan situouse nos 31 millóns, e no pasado ano situouse nos 51 millóns de visitas, co que se superou en 11 millóns os datos rexistrados en 2012.

Informe de xullo
Grazas á paxina web tamén se poden consultar os informes climatolóxicos, como é o caso do informe do mes de xullo, que se caracterizou por ser húmido con temperaturas normais, e cun contraste entre o litoral das provincias de Coruña e Lugo e sur da Comunidade.

En relación coas precipitacións, en xeral o mes queda caracterizado como húmido, pero non tanto pola presenza de moitos días de chuvia, como polo feito de que houbo dous sistemas frontais moi activos os días 6 e 18, cos que se rexistrou máis chuvia da normal nun mes de xullo. Os valores máis altos acadáronse nas comarcas do Barbanza e Caldas, chegando a rexistrarse ata 159 L/m2 na estación de Xesteiras en Cuntis; mentres que os máis baixos no leste da comarca do Valdeorras e nas localidades de Antas de Ulla e Taboada, entorno aos 15 L/m2.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar