Santiago: A Carreira do Conde quedará integrada na Alameda

Ethel Vázquez_Agustín Hernández_Concello Santiago

06/08/2014 O alcalde compostelán, Agustín Hernández, e a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, asinaron esta mañá na Casa do Concello o convenio en virtude da cal se realizarán as obras de reurbanización da rúa da Carreira do Conde. Esta actuación ten un custo de máis de 640.000 euros, dos que 512.000 serán achegados polo departamento autonómico e, o resto, polo Concello.
O obxectivo desta intervención é a mellora das condicións de habitabilidade da rúa da Carreira do Conde, cambiándolle completamente o pavimento e converténdoa nunha rúa peonil. Ademais, as obras permitirán aumentar a superficie axardinada e transformar o conxunto da rúa nunha prolongación da Alameda,

Situada entre a rúa da Senra e Rapa da Folla, e en paralelo á avenida de Xoán Carlos I e a Alameda, Carreira do Conde presenta na actualidade problemas de accesibilidade, con desniveis e itinerarios escalonados. O tráfico circula por esta vía, que ademais ten liñas de estacionamento a ambos lados.

Procederase á repavimentación e á peonalización da rúa, incrementando así a súa accesibilidade. Ademais, axustaranse os percorridos peonís existentes á posición real dos pasos de peóns, eliminando os desniveis non protexidos e facilitando o acceso á rúa dende as escaleiras. Nesta actuación utilizarase tanto pedra nova como pedra do ámbito reutilizada.

Tamén se facilitará o encontro de Carreira do Conde con Rapa da Folla e Juan Carlos I, substituíndo os chanzos existentes por unha rampla adaptada. Non obstante, manterase a escaleira á altura da igrexa do Pilar, por ser un elemento catalogado.

Outra das intervencións previstas é a conversión do noiro axardinado da zona este nun espazo de estanza. Ademais, daráselle valor á fonte existente e os armarios de instalacións de tráfico trasladaranse a outra ubicación para facilitar a visibilidade.

Segundo indicou o alcalde, será a Consellería a encargada de licitar este proxecto, unha vez que reciba o visto bo da Dirección Xeral de Patrimonio, no último trimestre deste ano 2014, co obxectivo de que as obras poidan executarse durante o ano 2015.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar