Axudas para fomentar o emprendemento feminino

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, afirmou que o número de autónomos en Galicia creceu no último mes aínda que, malia que o dato “está a mellorar”, ese incremento está “un pouco por debaixo da media estatal”. En cambio, Rueda destacou que o número de mulleres que optan polo autoemprego “vaise equiparando cada vez máis” ao de homes.

Alfonso Rueda, que visitou en Pontevedra as sedes da Asociación intersectorial e Interterritorial de Autónomos e Pequenas Empresas de Galicia (APE Galicia) e da empresa E-Natura Ingeniería, fundada por dúas mozos emprendedoras, explicou que a proporción entre homes e mulleres autónomos sitúase en torno a 40 e 60, respectivamente, por cada 100. “Se vemos os datos hai cinco anos, a brecha era maior”, engadiu.

“Non é normal que haxa máis homes que mulleres emprendedores”, sinalou o vicepresidente do Executivo autonómico, quen apostou por que haxa “as condicións de igualdade ás que todos teñen dereito para emprender unha actividade económica”.

Rueda asegurou que hai “moita xente nova por toda Galicia emprendendo en tempos de crise e que as cousas vanlles ben con moitísimo esforzo” pola súa parte. Nese proceso, ademais de “atreverse a arriscar”, o vicepresidente da Xunta sinalou que “a Administración ten que estar aí para botarlles unha man”.

AXUDAS

Neste sentido, Alfonso Rueda anunciou que a próxima semana publicarase unha nova liña de axudas no marco do Plan Emega para o fomento do emprendemiento feminino, por un importe global próximo aos 700.000 euros. Para Rueda, estes fondos que se conceden “veñen ben para ir cubrindo gastos e permitir abrir todos os días a porta do negocio, para ir mellorando, crecendo e creando emprego”.

REFORMA XUDICIAL

Por outra banda, Alfonso Rueda referiuse aos cambios anunciados no anteproxecto de reforma da planta xudicial impulsada polo ministro de Xustiza, Alberto Ruiz-Gallardón, e asegurou que Pontevedra “non “vai perder” e “non “vai empeorar” ante a nova organización, a través dos tribunais de instancia.

“Non vai supoñer que Pontevedra perda un só órgano xudicial”, reiterou Rueda, que non descarta que a creación dalgún “máis” teña que vir a Pontevedra”.

O vicepresidente da Xunta tamén sinalou que o Concello de Pontevedra está a concluír os trámites para a cesión da parcela na que se construirá o novo edificio xudicial, anexo ás actuais instalacións no barrio da Parda. Rueda espera “ter canto antes os terreos” porque o proxecto construtivo “xa está feito para licitar canto antes”, a falta dalgún “pequeno axuste” que podería requirir”.

O vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza defendeu este proxecto. Alfonso Rueda comparouno co edificio xudicial de Ourense, cuxa construción finalizará “antes de que remate este ano”, xa que contaría cun número “similar” de unidades xudiciais e o presuposto roldaría tamén os 18 ou 19 millóns de euros.

Este novo inmoble formaría “un único conxunto” co actual edificio xudicial da Parda, e ambos sumaríanse á Audiencia Provincial, que “seguiría funcionando”, concluíu Rueda.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar