Amtega e os enxeñeiros de telecomunicación convocan un premio a proxectos TIC

TIC

A Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) convocan o Premºio ao Mellor Proxecto TIC con Beneficios Sociais 2014. Este recoñecemento é un dos galardóns da nova edición dos Premios Galicia das Telecomunicacións do Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG-AETG)

O premio convócase por primeira vez este ano con carácter aberto, brindando a posibilidade de presentárense a todas aquelas persoas ou entidades que desenvolveran iniciativas de innovación social de base tecnolóxica. O prazo de presentación de candidaturas remata o vindeiro 8 de setembro.

A convocatoria está dirixida a aquelas iniciativas especialmente destinadas a potenciar o fomento das tecnoloxías da información e a comunicación accesibles, a diminuír a fenda dixital, ou a poñer en marcha proxectos empresariais ou sociais de fabricación de produtos ou desenvolvemento de servizos que incorporen un elevado nivel do uso das TIC orientados a mellorar a calidade da vida das persoas con discapacidade, persoas maiores, persoas desempregadas, persoas dependentes, persoas con enfermidades crónicas, mulleres do rural…, e en xeral das persoas en risco de exclusión social e/ou dixital.

O obxectivo do premio é o recoñecemento público das boas prácticas na área das TICs como un factor de mellora continua da actividade social e da aplicación da tecnoloxía en proxectos con impacto social positivo.

Este galardón será entregado xunto cos restantes Premios Galicia das Telecomunicacións no marco da XIX Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información. O evento terá lugar o 24 de outubro de 2014 no Gran Hotel da Toxa, baixo o lema “Sociedade Dixital e Saúde”.

Catro categorías
Xunto co premio en colaboración coa Amtega as distincións do COETG-AETG establecen catro categorías. O Premio “Gerardo García Campos” á mellor iniciativa empresarial no sector TIC 2014, patrocinado pola Fundación homónima e dotado con 6.000 euros, é unha iniciativa que premia aqueles proxectos empresariais emerxentes no ámbito das Tecnoloxías da Información e da Comunicación que representen unha innovación, coa finalidade de darlles un impulso económico, empresarial e social a aquelas empresas que están empezando a súa andaina.

O Premio GRADIANT á mellor tese doutoral aplicada ao sector TIC 2014 busca fomentar a realización de teses doutorais con potencial de aportar valor no mercado como vehículo de xeración de coñecemento e recoñecer a aqueles investigadores das universidades galegas que teñan completada a súa tese doutoral nun eido aplicable ao sector TIC.

O Premio INEO ao produto ou servizo TIC máis innovador do 2014, patrocinado pola Asociación Multisectorial de Novas Tecnoloxías da Información e Comunicación (INEO) está destinado a recoñecer ás empresas que estean a contribuír ao impulso do sector galego das TIC e a dinamización da Sociedade da Información e o Coñecemento en Galicia.

Toda a información sobre as convocatorias dos premios está dispoñible na web corporativa Colexio Oficial e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG-AETG) www.aetg.gal.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar