Pola recuperación e protección da paisaxe de Galicia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe, na presentación do Bosque de Galicia da Cidade da Cultura, que coa Estratexia da Paisaxe a comunidade galega recupera o tempo perdido e ponse á cabeza das autonomías en contar cunha estratexia conxunta e completa para todo o territorio no que a paisaxe se refire. “No último Consello démoslle o visto e prace ás liñas xerais da Estratexia da Paisaxe de Galicia 2014-2016” lembrou, ao que engadiu que esa ferramenta incluirá unhas pautas de intervención xeral en cada tipo de paisaxe, identificadas e consensuadas durante o proceso de participación, así como os criterios para actuar nos lugares que ou posúan especial valor ou sufran unha especial degradación.

“Estasmos ante un atlas das paisaxes de Galicia para estudar, comarca por comarca, o que temos que facer; para que os concellos e os seus cidadáns saiban cales son as pautas e propostas co obxectivo de coordinar as políticas sectoriais que inciden sobre o contorno e chamar á sensibilización de toda a poboación e fomentar unha cultura específica das paisaxes autóctonas de Galicia que nunca debemos perder”, explicou.

Neste sentido, referiuse á presentación do Bosque de Galicia como a primeira pedra deste camiño “que queremos percorrer: poñer en valor os nosos montes, repoboalos con especies autóctonas. É un brinde ás nosas raíces pero é, sobre todo, unha aposta polo noso porvir, máis alá da rendibilidade inmediata”.

Durante a súa intervención, o responsable do Executivo galego subliñou que con esta iniciativa, Compostela, que a través do Camiño de Santiago se erixiu en emblema da tradición cultural europea, en referente do patrimonio histórico de Galicia, “quere ser agora tamén, un escaparate que anuncie e presente os tesouros únicos que agochan os bosques galegos”.

Nun momento en que cada ano desaparecen da superficie terrestre millóns de hectáreas arboradas, Feijóo insistiu en que este proxecto quere ser, en primeiro lugar, reivindicación do bosque, e nomeadamente do bosque tradicional galego, como un activo de gran valor ecolóxico, paisaxístico e económico cuxa conservación merece unha enorme atención.

“O Bosque de Galicia ten, xa que logo, un sentido simbólico, pero posúe tamén unha dimensión concreta destinada a mellorar a calidade de vida dos composteláns e reforzar o atractivo da cidade ante os visitantes”, aseverou, ao que engadiu que se trata de crear un pulmón verde de 24 hectáreas para Santiago e un parque accesible a toda a cidadanía.

Nesta liña, subliñou que o obxectivo é facer dese espazo unha área sustentable que favoreza a biodiversidade e o metabolismo da capital de Galicia, xerando ademais, un efecto positivo sobre o río Sar. “E, estamos a recuperar tamén o antigo trazado agrario, abrindo a opción de acoller actividades non só de ocio, senón tamén produtivas”, engadiu.

Así mesmo, resaltou que se trata dun proxecto poliédrico que, como tal, implica tres consellerías da Xunta –Medio Ambiente, Cultura e Medio Rural-, e que se realiza, ademais, da man da Escola Galega da Paisaxe da Fundación Juana de Vega e tendo en conta as previsións de desenvolvemento do Concello de Santiago.

Ao longo do acto, Feijóo lembrou que a Comunidade galega é, desde o punto de vista forestal, un dos territorios máis importantes de Europa, cunha superficie arborada de case un millón e medio de hectáreas, o que representa o 48% do total do territorio galego.

Diante desta cifra, o presidente da Xunta afirmou que o aproveitamento do potencial dos bosques continúa a representar un dos nosos grandes desafíos como país; “un desafío que queremos superar reordenando os usos e actividades no rural para facer o monte máis proveitoso e poñendo en valor a súa diversidade como medida de prevención fronte a lacra dos lumes forestais”.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar