Oferta de viaxes termais a Ourense

Manuel Baltar e Alberto García

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o director xeral de Renfe Viajeros, S. A., Alberto García Álvarez, asinaron hoxe no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” un convenio de colaboración entre Renfe e o goberno provincial para promocionar o termalismo coa oferta de “viaxes termais” que teñen como destino balnearios da provincia de Ourense. Desta maneira, entre os meses de agosto e novembro de 2014, poranse a disposición dos viaxeiros máis de 500 prazas asociadas a estancias balnearias de 6 días que integrará tarifas especiais nos trens procedentes de Madrid e A Coruña que teñen como destino a provincia de Ourense. A Deputación e os balnearios que participan no Programa Termal encargaranse do traslado dos viaxeiros dende a estación Ourense Empalme ata os establecementos balnearios.

Este acordo froito da cooperación institucional en favor da promoción do termalismo permitirá, en opinión de Manuel Baltar, “potenciar a marca de Ourense como provincia termal, exaltar e valorizar a riqueza termal que temos, e favorecer un sector económico e turístico estratéxico para a nosa provincia, no que estamos a traballar por medio do Plan Termal que, conxuntamente, están a desenvolver a Deputación de Ourense e a Xunta de Galicia para que esas dúas palabras, “Ourense” e “Termal”, vaian da man e cheguen a todos os mercados de ámbito nacional e internacional”.

Ademais de Renfe e a Deputación de Ourense, no programa participan os establecementos balnearios: Caldaria Termal, Gran Balneario de Carballiño e Balneario de Molgas.

“Renfe Viajeros” incorporará aos participantes do programa de “Termalismo Saludable y Cultura Termal” un billete de ida e regreso cunha tarifa especial chamada “Ourense Termal”. En base a este convenio, Renfe reservará todas as semanas 50 prazas en clase turista nos trens Alvia Madria-Ourense-Madrid e outras 50 prazas no tren A Coruña-Ourense-A Coruña, coas súas estacións intermedias, entre os meses de agosto e novembro.

O Programa Termalismo Saudable e Cultura Termal na súa modalidade de estancias balnearias de 6 días/5noites inclúe: pensión completa, 10 tratamentos termais, 2 rutas culturais, o billete de tren e o traslado dende a estación de Ourense ao Balneario. Pódese solicitar on-line a través da web www.trenbalnearios.com

O acordo contempla ademais que Renfe emitirá nos trens que se indiquen o vídeo “Ourense, provincia termal” e porá a disposición dos viaxeiros folletos divulgativos do Programa Termal, facilitados pola Deputación de Ourense, nas salas Club de Renfe Viajeros pertencentes ao Mercado Norte.

Pola súa banda, a Deputación de Ourense comprométese a promocionar e publicitar os servizos de Renfe Viajeros como medio de transporte na actividade “Termalismo Saludable y Cultura Termal”, e informará aos interesados das especiais condicións ofertadas por Renfe para o dito programa. O ente provincial inserirá na súa páxina web un enlace á páxina de Renfe e incorporará nas publicacións e soportes gráficos a denominación de Renfe como “Transportista Oficial Terrestre” na actividade na que ámbalas dúas institucións participan.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar