TVG grava “Serramoura”, a nova serie para o outono

Serramoura_serie TVG

Acaba de comezar a gravación da nova serie da Televisión de Galicia, “Serramoura”, un thriller rural que chegará á pequena pantalla este outono próximo, en horario nocturno de máxima audiencia e con periodicidade semanal. Baixo a dirección de Miguel Conde e Jorge Saavedra, a rodaxe desta nova ficción, ambientada no mundo da madeira, contará con preto dun 40% das secuencias en exteriores.

​ Unha produción de envergadura, que levará os espectadores da TVG por algúns dos lugares forestais máis fermosos de Galicia. “Serramoura”, unha vila de ficción, estará localizada principalmente no concello coruñés de Arteixo, e máis concretamente na localidade da Pastoriza, ademais de contar con exteriores fixos de Culleredo e Carballo. A serie mostrará a Galicia verde máis bela, pero tamén a máis misteriosa.

​Producida por Voz Audiovisual para a TVG, “Serramoura” conta a historia dunha pequena e tranquila vila do interior. Unha localidade que vive da explotación dos seus recursos madeireiros e onde dúas familias, os Soutelo e os Fiuza, loitan polo control do negocio da madeira. Un escenario recoñecible que se ve bruscamente alterado ao aparecer morta, brutalmente asasinada, unha das súas veciñas.

​Para resolver o caso, a Comandancia da Garda Civil desprazará á vila a Diego Bazán, sarxento especializado en homicidios, que se unirá á sarxento Marga Pazos, membro da Unidade de Investigación de Serramoura. Dous mundos e dúas personalidades totalmente distintas, obrigadas a entenderse. Segundo vaian avanzando na súa investigación, sairán á luz, episodio a episodio, os segredos, as miserias e os conflitos desta pequena vila galega, tan recoñecible como inquietante.

​Nos papeis principais, “Serramoura” contará cos actores Lucía Regueiro (Marga Pazos) e Miguel Ángel Blanco (Diego Bazán), cuxos personaxes levarán o peso da investigación. Xunto a eles, completan a repartición artistas da altura de Antonio Mourelos, Alfonso Agra, Miguel Borines, Isabel Naveira, Xavier Deive, Uxía Branco, Sabela Arán, Sheyla Fariña, Miguel Canalejo, Chechu Salgado, Mariana Expósito, Fran Paredes, Perico Asorey ou Xosé Barato.

​Para a recreación dos negocios dos protagonistas, a serie conta coa colaboración de entidades como a Consellería do Medio Rural e a Confederación Española de Empresarios da Madeira (Confemadera) de Galicia, e de empresas que, asociadas a esta última, tamén colaboran de maneira particular na ficción. Da súa man, “Serramoura” introducirase nas entrañas do negocio madeireiro. Inestimable é tamén, unha vez máis nunha produción da Galega, a colaboración da Garda Civil, cuxo labor na salvagarda dos montes galegos, como a da Consellería do Medio Rural, quedará patente na ficción.

Redes sociais

​Para coñecer a evolución de “Serramoura”, os seguidores da Televisión de Galicia poderán estar ao tanto da gravación nas seguintes redes sociais: /Serramoura (facebook), @serramoura.tvg (twitter) e serramoura.serie (instagram).

​Entre outros contidos, atoparase información sobre os actores e as personaxes, diario de gravación, fotos inéditas e vídeos, que se irán subindo ás redes segundo vaia avanzando a produción. Espazos nos que interactuar cos habitantes de “Serramoura” e co equipo de gravación, que responderá ás cuestións que os espectadores queiran formular.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar