O 77% dos concellos galegos dispón de medios para a administración electrónica

Administración electrónica_logotipO 77,2% dos concellos galegos permite iniciar a tramitación telemática dos procedementos e en preto dun 6% os trámites poden realizarse totalmente de xeito electrónico. O 32,7% dos concellos da Comunidade que dispoñen de sitio web conta con sede electrónica, valor que chega ao 60% para os de máis de 50.000 habitantes.

Son datos do informe sobre a implantación da eAdministración nos concellos, elaborado polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.

SEDE ELECTRÓNICA

O informe indica que os servizos máis implantados da sede electrónica son o rexistro de documentos (60,7%), o rexistro de queixas e suxestións ( 64%) e a solicitude de autorizacións, permisos (50,6%).

No último ano, o 7,8% dos concellos suprimiu a obriga de aportar algúns documentos (DNI, certificacións de obrigacións tributarias: AEAT; Seguridade Social; familia numerosa; discapacidade; inscrición en rexistros, etc). Así mesmo, o 12,2% dos concellos substituíu por declaracións responsables algúns documentos como a certificación de conta bancaria, poderes de representación etc.

O 44,4 dos concellos ten procedementos integrados electronicamente cos sistemas doutras administracións, un valor que chega ao 100% no caso dos concellos de máis de 20.000 habitantes.

No referente ao intercambio de datos con outras Administracións Públicas, o 46,8% dos concellos recibiu documentos con certificados electrónicos doutras AAPP. Ademais, un de cada tres concellos (30,7%) enviou documentos con certificados electrónicos.

ePARTICIPACIÓN

Practicamente todos os concellos galegos teñen páxina web, o 95.6% do total, chegando ao 100% no caso de concellos de máis de 5.000 habitantes. Por provincias, todos os concellos de A Coruña. Lugo e Pontevedra teñen páxina web e só algúns pequenos concellos da provincia de Ourense non dispoñen dela.

Destacar que os 42,9% dos concellos enquisados están presentes nalgunha rede social, case 10 puntos porcentuais máis que hai dous anos. No relativo ás comunicacións da cidadanía cos concellos os mecanismos que seguen a predominar e que teñen case na totalidade dos concellos son o correo electrónico (96,9%) e o fax (93,9%).

Outros servizos como blogs, enquisas de satisfacción, votacións en liña aínda están por baixo do 15% e só superan esta porcentaxe os concellos de máis de 50.000 habitantes.


EQUIPAMENTO

O 30,7% dos concellos dispoñen de varios edificios administrativos, e destes só un 30% as teñen conectadas, no caso dos concellos de máis de 50.000 habitantes este valor chega ao 75%. Ademais por riba do 60% dos concellos dispón de redes sen fíos para uso propio ou dos cidadáns.

O emprego do certificado dixital no desenvolvemento das funcións do persoal da entidade está cada vez máis estendido. No 94,1% dos concellos o alcalde ou responsable máximo da entidade emprega este método, alcanzando o 97,6% no caso de secretario ou interventor.

ENQUISA

A enquisa, realizada aos 314 concellos existentes a finais de 2013 en Galicia, está enmarcada no Plan eConcellos para impulsar a implantación da eadministración, mediante unha aplicación web para cubrir os cuestionarios e na que participaron 215 concellos do total. Por outra parte, salientar que o informe está incluído no Plan Galego de Estatística.

Todos os informes e documentos de OSIMGA distribúense libremente na Rede baixo licenza Creative Commons e están dispoñibles na web do Observatorio: www.osimga.org

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar