Aposta polo sector do viño na Festa do Albariño

 

Feijóo festa viño Albariño_Fefiñáns_2

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, salientou hoxe o labor do sector vitivinícola galego, ao que puxo como exemplo do camiño a seguir “por todos nós” para saír reforzados da crise económica. O titular do Goberno autonómico participou nos actos de celebración da Festa do Viño Albariño, que este ano acada a súa LXIIª edición.

Durante a súa intervención, Feijóo destacou o traballo dos viños galegos para superar “con determinación e con éxito” os obstáculos da crise, que lles ten permitido erixirse nun valor económico “máis sólido e máis forte” que hai uns anos. Para o presidente da Xunta, o “esforzo denodado” por aumentar a calidade do produto, así como o esforzo realizado pola conquista de mercados foráneos, fai que o viño e máis concretamente o Albariño, sexan un “motor e un referente” na senda cara o crecemento que se está a iniciar co novo ciclo económico.

 

Feijóo festa viño Albariño_Fefiñáns_3

 

O mandatario galego tamén reivindicou a conxugación entre tradición e innovación que caracteriza o sector vitivinícola, contribuíndo dese xeito a crear unha realidade mellor da que herdou. Nese sentido, gabou os valores que encarnan as xentes do Albariño, cuxo espírito de loita, superación e solidariedade constitúe “a mellor faciana de Galicia”.

INTERNACIONALIZACIÓN

Hoxe en día, este gran traballo é coñecido en todo o mundo grazas á crecente internacionalización dos nosos caldos, que leva cada vez máis lonxe a sona de prestixio da enogastronomía galega. O titular do Executivo autonómico salientou esa “aposta decidida” do sector na conquista de mercados afastados, que lle ten permitido achegar “un viño excelente” a un mercado “cada vez máis global e esixente”. Actualmente, segundo resaltou Feijóo, as exportacións de Albariño representan tres de cada dez botellas e o obxectivo para o ano que vén fíxase en catro de cada dez.

E subliñou que, desde hoxe, ese labor de internacionalización conta con “novos aliados” na figura das damas e cabaleiros da Orde do Albariño, que foron investidos polo presidente da Xunta. Entre eles destaca o embaixador de Xapón en España, Satoru Satoh, un recoñecido amante da riqueza gastronómica e enolóxica das Rías Baixas que contribuirá a un maior achegamento entre Galicia e o Xapón, continuando coas boas relacións que se están a fraguar neste Ano Dual.

Feijóo festa viño Albariño_Fefiñáns

Entre os galardoados atópanse, así mesmo, persoeiros do mundo da sanidade, como a oncóloga Marisol Soengas; da Administración, como Francisco Conde, conselleiro de Econonomía e Industria; da xudicatura, como José Luis Costa Pillado, presidente do Consello Consultivo de Galicia; e, por suposto, do viño, como o enólogo Jesús Requena e os adegueiros Eulogio Pomares Botana, de Zárate e Hijos, e Rosa Ruiz, de adegas Santiago Ruiz.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar