A Xunta agradece ao Goberno que regularice a situación dos emigrantes retornaos

– A Xunta de Galicia agradece ao Goberno central a apertura dun prazo extraordinario de seis meses para que os emigrantes retornados poidan regularizar as súas pensións procedentes do estranxeiro, de forma que non pagarán sancións, recargos nin xuros de demora e tamén se lles condonarán as sancións, xuros de demora e recargos xa impostos con anterioridade.

Esta medida responde ao acordo unánime do Parlamento e a unha proposta trasladada ao Ministerio de Hacienda polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e está incluída nunha disposición do proxecto de lei de reforma do IRPF aprobado hoxe no Consello de Ministros. Precisamente, isto afectará aos pensionistas galegos que retornaron ao noso país tras traballar na emigración.

O Goberno galego lembra que dende un primeiro momento defendeu que estes pensionistas actuaron na súa inmensa maioría sen ánimo defradatorio, e polo tanto non cabía a imposición de sancións. Neste sentido, a Xunta de Galicia e o Parlamento galego realizaron xestións para trasladar as demandas deste colectivo á Administración central, xa que se trata dunha competencia de ámbito estatal.

Ademais, a conselleira de Facenda, Elena Muñoz Fonteriz, mantivo varios encontros cos representantes da plataforma de afectados para coñecer de primeira man a súa situación, e dirixiuse en varias ocasións ao ministro de Hacienda para que tivese en conta a súa problemática, así como para informarlle da posición adoptada por unanimidade no Parlamento en defensa deste colectivo.

O prazo extraordinario de regularización abrirase en xaneiro de 2015 e terá unha duración de seis meses. Nese prazo, os contribuíntes afectados –moitos deles, pensionistas de idade avanzada- poderán presentar autoliquidacións complementarias dos períodos impositivos non prescritos nos que percibiron pensións do extranxeiro pendentes de declarar.

Deste xeito, os pensionistas retornados poderán poñerse ao corrente das súas obrigas tributarias e serán exonerados de calquera sanción, recargo ou xuros de demora no momento en que ingresen o 100% da cota tributaria correspondente. Tamén se condonarán as sancións, xuros de demora e recargos xa comunicados.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar