A Deputación de Ourense afronta unha «ecovía» de Verín a Cháves

Baltar_Ecovia Verín_Cháves

A Deputación de Ourense completará a «ecovía fluvial do Támega», que unirá as localidades de Verín e Chaves, coa construción dos 18 quilómetros que restan dende Verín ata a fronteira con Portugal, «unha obra na que a institución provincial investirá 684.000 euros e que permitirá completar esta «senda verde» para peóns e bicicletas, o que supón unha nova aposta pola excelencia medioambiental na nosa provincia e unha mosta da colaboración institucional entre administración da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal». Así o anunciou hoxe en Verín o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, no acto de presentación da guía turística «Ruta termal e da auga Verín-Chaves-Vidago» e na inauguración do primeiro tramo da citada ecovía fluvial, un acto ao que tamén asistiron a directora xeral da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro, e os alcaldes de Verín e Chaves, Juan Manuel Jiménez Morán e Antonio Monteiro Cabeleira.

Baltar destacou a importancia da cooperación entre as diferentes administración públicas e, neste caso, a colaboración internacional tamén coas institucións de Portugal, o que supón para o presidente provincial «a oportunidade unir sinerxias para favorecer a competitividade e a economía da eurorrexión, da que á provincia de Ourense é o punto central xeoestratéxico».

Manuel Baltar recoñeceu o labor que no eido da cooperación institucional, do turismo e do medio ambiente están a realizar tanto os concellos de Verín e Chaves como a Axencia de Turismo de Galicia, e cualificou ao medio ambiente como unha «área prioritaria», intimamente relacionada co termalismo, «un dos grandes potenciais da nosa provincia, na que estamos a desenvolver conxuntamente coa Axencia de Turismo de Galicia e coa Xunta de Galicia o Plan Termal, que ten como obxectivo a posta en valor dos recursos naturais e culturais de Ourense, estruturando a oferta e os servizos para acadar a creación do destino «Ourense, provincia termal».

Baltar dixo que o Plan Termal baséase na palabra «sustentabilidade», «un criterio clave para unha mellor calidade de vida, para a recuperación e preservación dos recursos naturais, e para contribuír ao desenvolvemento socioeconómico». «Pretendemos con esta iniciativa –dixo o presidente- promover produtos turísticos competitivos, innovadores e desestacionalizadores, ademais de posicionar a Ourense como o gran destino termal».

A guía turística que tamén hoxe se presentou enmárcase no proxecto Eurorrexión Termal e da Auga, no que participan Turismo de Galicia, a Eurocidade Chaves-Verín AECT, a Deputación de Ourense, Turismo Porto e Norte de Portugal e a Asociación Termas de Portugal.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez realizou unha presentación da publicación na que resaltou a súa capacidade de difusión dos recursos asociados á auga minero-medicinal. Segundo dixo, editaranse 10.000 exemplares da guía -4.000 en castelán e 4.000 en inglés e 2.000 en portugués- e estarán dispoñibles para o público nas Oficinas de Turismo de Xunta de Galicia, nas oficinas turísticas de Verín e Chaves, así como nas oficinas de información turística que Turismo Porto e Norte ten nas principais cidades do norte de Portugal.

Nava Castro explicou que a auga termal é o fío condutor dunha ruta que ten por obxectivo a difusión dos recursos turísticos dun territorio que atesoura algúns dos enclaves vinculados á auga minero-medicinal máis singulares da comunidade. «A aposta conxunta neste proxecto polo turismo de saúde e benestar materialízase na posta en marcha de accións colaborativas como a edición desta guía e do folleto explicativo da ruta», explicou.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar