Feijóo aposta pola internacionalización dos viños galegos na XXVI edición das Catas

Feijóo_Catas de Galicia 2014

                                                                       Resultado das catas en PDF

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou a aposta do Goberno galego pola internacionalización do sector vitivinícola, que lle ten permitido consolidarse como unha referencia a nivel mundial. O mandatario autonómico presidiu a entrega de premios da XXVI edición da Cata dos Viños, a XVI edición da Cata das Augardentes e a III edición da Cata dos Licores Tradicionais de Galicia, que tivo lugar esta tarde no Hostal dos Reis Católicos.

Durante a súa intervención, o titular do Executivo galego remarcou o compromiso da Xunta coa promoción do sector. Como mostra, destacou o aumento do 22,3% nas axudas públicas á posta en valor dos nosos viños en países terceiros (os que non pertencen á Unión Europea), que acadaron os 3,7 millóns de euros en 2014, así como os 2,6 millóns de euros destinados á promoción de produtos de calidade nos mercados galego, español e europeo, cun incremento do 25,9% respecto ao ano anterior.

Feijóo lembrou que hoxe en día os viños galegos son coñecidos en todo o mundo, converténdose nos “mellores embaixadores” de Galicia e, nesta liña, apuntou que “o futuro do sector pasa pola internacionalización” e a apertura cara a novos mercados.

No mesmo día en que foi presentada a estratexia Galicia Calidade para o bienio 2014-2016, Núñez Feijóo quixo salientar a importancia do viño como selo da forma galega de facer as cousas, que ten a excelencia como principal sinal de identidade. Para o presidente da Xunta, a “excelente calidade” dos produtos vitivinícolas baséase no equilibrio entre tradición e innovación, do que as 184 mostras que se presentaron a esta nova edición do concurso constitúen o mellor exemplo.

A excelencia é, precisamente, a garantía de éxito para o que o titular do Goberno galego definiu como un “sector estratéxico”, que xera máis de mil postos de traballo directos e produce 44.000 toneladas de uva ao ano, cun valor económico que supera os 150 millóns de euros.

ATRACTIVO TURÍSTICO E DINAMIZADOR DO RURAL

O presidente da Xunta tamén quixo destacar a importancia que o sector vitivinícola xoga na dinamización do rural galego, no que o chamado ‘enoturismo´ desenvolve un papel fundamental. Para Feijóo, os nosos caldos trazan un vieiro imprescindible ao longo da xeografía galega, que é posible percorrer grazas á Ruta dos Viños de Galicia, cuxas xornadas de portas abertas acadaron este ano a súa terceira edición. Grazas a iniciativas como esta, a nosa comunidade é líder en distintivos Q de calidade Turística no sector do turismo industrial.

Nesa mesma liña, Núñez Feijóo lembrou os numerosos premios acadados polos caldos galegos a nivel nacional e internacional, aos que se referiu como un “éxito” que demostra o bo facer do sector.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar