Sentenza: Fenosa non pode facer o que quere

Coma El Jueves, cando era El Jueves, escribín este artigo pero tiña moitos máis: a reforma fiscal, a imputación de Elena de Borbón, o incumprimento da Lei de Normalización por parte da Xunta, o novo partido en Anova… Se me decidín por este é porque penso que ninguén vai aventoar moito o asunto e centos de damnificados nin sequera terán ocasión de coñecer esta nova.

O seu resumo podería ser máis ou menos este: Fenosa, condenada a pagarlle aos veciños de Ourovello e Coirós (Paderne) máis de 64.000 euros por entrar sen permiso nos seus montes e tronchar canta planta (desde árbores a toxos) vivía a catro metros por cada lado dunha súa liña eléctrica.

Coñezo a centos de veciños damnificados periodicamente, pero é a primeira nova que teño dunha sentenza semellante dunha Audiencia (neste caso a da Coruña) contra a empresa eléctrica. Os veciños de Ourovello e Coirós gañaron, o que senta un precedente para outras actuacións semellantes que se dan por toda a nosa xeografía.

Segundo a sentenza, Fenosa non pode entrar nas fincas sen o permiso dos propietarios, tampouco pode estragar todo, aínda que teña a servidume de paso dos oito metros da liña que unhas veces pagaron e, outras, se fixeron con el polas boas ou polas malas, ou por feitos consumados. Moitas veces con enganos. De todo hai. E de xustificar a tala, terá que pagar os danos. Tan exemplarizante como a sentenza para a empresa eléctrica, debería ser para a Xunta e os concellos.

Os veciños de Paderne chamaron, primeiramente, ao seu goberno municipal para que impedise o atentado ecolóxico e económico e, sobre todo, de dignidade tripada ao meterse Fenosa nunhas propiedades coma se non tivesen donos. E iso, a un labrego, doélle na alma!

Nin caso. Petaron logo ás portas da Xunta. Denunciaron a salvaxada… A resposta do goberno foi pórse ao lado do oligopolio eléctrico, como sempre fixo a dereita galega.

Así que os veciños, coma moitas outras veces, recorreron á unha xustiza, na que tampouco cren (historia magister vitae), para defender as súas fincas que vén ser o mesmo que a súa dignidade violada. A súa explicación é: «Outra non nos quedaba». Esta vez obtiveron a resposta arelada.

Outros moitos o único que fan é botarse as mans á cabeza e xurar en arameu cada vez que se atopaban cunha destas desfeitas. Como a perpetrada hai dous meses no monte do San Amaro en Chantada.

Alguén ten contabilizado os danos das liñas de alta que marcan coma vergallazos a pel da xeografía galega? Porque non se ten en conta este prexuízo nos recibos da luz?

 

Afonso Eiré é xornalista e colaborador de El Correo Gallego

 

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar