Santiago:Haberá eleccións anticipadas na hostalería

Unha delegación de empresarios de hostalería, encabezada polo presidente de Restauración, Jesús Sordo, fixo entrega esta mañá na sede da Asociación de Hostalería Compostela das sinaturas necesarias para a celebración dunha asamblea xeral, na que se solicitará a convocatoria de eleccións anticipadas na entidade.

Sobre un censo de 778 asociados, entregaronse 225 sinaturas, o que representa un 29%, co que se cumpre con creces co establecido no artigo 17.2 dos estatutos da asociación, no que se sinala que “con carácter extraordinario, a asamblea xeral reunirase nos casos nos que o solicite o 25% dos membros da asociación”.

No trascurso do acto, o presidente de Restauración destacou a doble satisfacción do colectivo polo resultado deste proceso; dunha banda, por ter cumprido o obxectivo de promover a celebración dunha asamblea xeral, pero especialmente “porque tivemos un apoio masivo dos empresarios visitados, xa que o 97% dos compañeiros que visitamos durante estes últimos días asinaron a solicitude de asamblea”. Moitos deles son empresarios de restauración e moitos de hospedaxe, “un feito que pon de relevo o sentir xeral do empresariado da hostelería de Compostela”, tal e como sinalou Jesús Sordo.

Deste xeito, o traballo do grupo de empresarios que promove a convocatoria de eleccións anticipadas ten cumprido plenamente o seu obxectivo e o seu compromiso de facer posible a celebración da asamblea nas condicións que determinan os estatutos.

A necesaria axilidade do proceso, polo ben da cidade

Unha vez recepcionadas as sinaturas, corresponde aos servizos xurídicos da asociación establecer o calendario dos sucesivos pasos a seguir.

O colectivo empresarial agarda que non se obstaculice o proceso e que se leve a cabo con criterios de axilidade e transparencia, polo ben da cidade e do colectivo,  porque, de non ser así, “estaríamos ante un novo episodio de obstruccionismo inadmisible”, segundo sinalou o presidente de Restauración.

Por último, os promotores deste proceso agradecen o paso dado ao fronte polos empresarios que asinaron a favor da convocatoria da asamblea, nun exercicio de responsabilidade, como vía para proceder á renovación dos órganos de goberno a través dun proceso eleitoral libre e democrático.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar