Negreira chama a «saborear as bondades» do país na Ofrenda do Antigo Reino de Galicia

Alcaldes Negreira_Agustín Fernández_Orozco_Catedral Lugo_Ofrenda Antigo Reino de Galicia

O alcalde de A Coruña, Carlos Negreira, chamou a «saborear as bondades» de Galicia nos actos da Ofrenda do Antigo Reino ao Santísimo Sacramento.

De feito, o alcalde herculino foi o encargado de realizar a Ofrenda este ano, á que asistiron varias autoridades, como o alcalde de Lugo, José López Orozco; o Arcebispo de Santiago, monseñor Julián Barrio; e o rexedor de Ourense, Agustín Fernández Gallego.

Tamén estiveron presentes nos actos, o presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), Miguel Ángel Cadenas Sobreira; e o Almirante Xefe do Arsenal de Ferrol, Manuel Garat Caramé, entre outros. En cambio, non acudiu a esta cerimonia ningún tipo de representación do Concello de Santiago.

Esta cerimonia, que se repite cada ano na cidade amurallada dende hai máis de tres séculos, é realizada polas sete capitais do Antigo Reino de Galicia. Neste sentido, os alcaldes de Lugo e de A Coruña fixeron «votos» para «seguir mantendo esta tradición do pobo galego».

Os actos realizados con motivo desta celebración foron tanto relixiosos como civís. Os primeiros comezaron sobre as 12,00 horas, mentres que os segundos, sobre as 11,15. Durante os relixiosos –que tiveron lugar na Catedral de Lugo–, Negreira leu a Ofrenda do Antigo Reino ao Santísimo Sacramento.

«VALOR AOS AVANCES»

Nela, destacou que os galegos necesitan «darlle o seu verdadeiro valor aos avances» que «conseguiron». «Non sen esforzo», matizou, xusto antes de chamar a «saborear as bondades dunha terra, a galega, construída sobre a base do traballo e a perseveranza».

«Nesta singular ocasión quero pronunciar un voto especial pola xuventude. Por que nosos novos sexan realmente herdeiros de todo ese empeño por construír un mundo mellor», remarcou o rexedor coruñés.

Sobre o presente, Negreira admitiu que «vivimos tempos convulsos». «Tempos nos que manter firme o leme non se antolla sinxelo polo turbulento das augas», indicou.

Así mesmo, resaltou que, «contra as obstinacións e os fanatismos», «hai que difundir unha mensaxe de tolerancia e convivencia harmónica». «Os galegos, que tantas veces tivemos que saír ao mundo na busca dun porvir, sabemos moi ben o que signifique integrar en vez de separar, compartir en lugar de danar e convivir en vez de rexeitar», sentenciou Negreira.

«CULTURA DE CARIÑO»

No que respecta aos actos relixiosos, estes foron presididos por Julián Barrio, quen foi o encargado de responder á ofrenda. «Non continuemos a cultura do descarte», pediu, ao tempo que avogou por unha «nova cultura de cariño, de solidariedade e de compartir».

Os actos civís tiveron lugar na Casa do concello lugués e remataron cun intercambio de regalos institucionais. Así, o alcalde de Lugo entregou ao seu homólogo herculino unha peza de cerámica de Sargadelos que representa a Muralla, e recibiu unha reprodución da Torre de Hércules.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar