Xesús Vázquez clausura no Gaiás o Ciclo «Nexos»

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, clausurou esta mañá a edición de 2014 de ‘Nexos. A cultura contemporánea a través das letras’, o ciclo co que a Cidade da Cultura propón un diálogo entre a literatura e outras áreas do coñecemento, e no que este ano se abordaron temas de actualidade como a pegada bélica na nosa cultura, a literatura que agochan as cancións, o centenario do autor mexicano Octavio Paz e a excentricidade e o ‘malditismo’.

Vázquez Abad destacou o interese do ciclo para abordar a cultura contemporánea a través dun diálogo fluído entre diversas disciplinas, coa literatura como fío condutor. Ao mesmo tempo, o responsable de Cultura e Educación agradeceu a colaboración de organismos e institucións como o Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) dependente da propia Consellería, a Embaixada de México, o Instituto de México en España, o Instituto Cervantes e o Centro de Estudos Mexicanos da Universidade Nacional Autónoma de México, promotores do Centenario de Octavio Paz, que contribúen a levar a cabo un ciclo que busca xerar sinerxías e traballar en rede para proxectar a nosa cultura.

O conselleiro fixo este agradecemento extensible ao coordinador do ciclo, Marcos Lorenzo, e a todos os relatores e artistas que pasaron pola edición deste ano: Miguel Anxo Murado, Deborah Vukusik, os cantantes Sergio Godinho e Uxía Senlle, o escritor Pere Gimferrer e o profesor Rafael Martínez Castro, así como os protagonistas da sesión de clausura, que foron Vicente Molina Foix, Bieito Iglesias e Maite Dono. Á sesión de hoxe tamén asistiron a directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura, Beatriz González Loroño, e o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo.

MALDITISMO NAS ARTES

Baixo o nome ‘Malditos, transgresores, inadaptados… A excentricidade como pauta de vida’ discorreu esta última sesión celebrada no Centro de Innovación Cultural do Gaiás. Foi unha sesión dedicada a artistas do século XX que encaixan nesa estirpe de seres escuros, malogrados, incomprendidos, devotos dos camiños do exceso e con escaso apego á saúde. Mártires do rock desde Janis Joplin a Kurt Cobain, de Sid Vicious a Amy Winehouse. Vidas tráxicas e bohemias coas que se podería debuxar un santoral negativo.

O último ‘Nexos’ de 2014 contou co relatorio de Vicente Molina Foix, poeta, cineasta e prolífico escritor das letras contemporáneas. Xunto con el estivo Bieito Iglesias, profesor, tradutor e xornalista e autor de novelas e relatos fundamentais no último decenio. A parte lúdica correu a cargo de Maite Dono, poeta, cantante e actriz, que realizou unha perfomance poética, na que mesturou texto e son dunha maneira improvisada.

Sesión infantil
De forma paralela, nenos de entre 5 e 12 anos puideron achegarse ao tema do maldistimo nas artes a partir das obras ‘O retrato de Dorian Gray’, ‘Frankenstein’ e ‘Drácula’, como expoñentes universais do concepto romántico de maldistismo.

A sesión infantil comezou cunha sesión de contacontos adaptado ao público infantil da historia contada nas novelas, seguida dunha explicación sobre a transcendencia que tiveron no imaxinario artístico universal, asociándoo a temas e obras de moda como ‘Crepúsculo’. Falouse do éxito e do fracaso e plasmaron un imaxinario propio de artistas, personaxes e arquetipos malditos do romanticismo nun mural colectivo.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar