Alfonso Rueda pide á Fiscalía Xeral do Estado acelerar o procesamento dos incendiarios

Rueda na Escola de Verán sobre procedementos xudicais contra os incendiarios_2

O vicepresidente, Alfonso Rueda, destacou esta mañá no Pazo de Mariñán o esforzo da Xunta de Galicia para mellorar a súa actuación no ámbito da detención e o procesamento dos incendiarios, en colaboración coa Fiscalía galega.

Rueda participou no acto de apertura da XIII edición da Escola de Verán do Ministerio Fiscal, no que tamén estiveron o Fiscal Xeral do Estado, Eduardo Torres Dulce, o director do Centro de Estudos Xurídicos, Antonio Narváez; o presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo; e o presidente do Consello de Estado, Jose Manuel Romay Beccaria.

A actual edición da Escola de Verán, a número trece, esta centrada no estudo dos delitos relacionados cos incendios forestais, un problema moi grave na nosa Comunidade autónoma e que representa unha fonda preocupación para a Xunta de Galicia.

A necesidade de acabar con esta lacra ten levado ao Goberno galego a solicitar ao Ministerio de Xustiza un incremento das penas para os incendiarios, algo que está reflectido no proxecto de reforma do Código Penal e que no só eleva o castigo senón que establece obrigas de responsabilidade patrimonial.

Así mesmo, a Xunta vén de modificar a normativa galega sobre incendios para permitir unha sanción inmediata, no acto, das infraccións neste ámbito; e puxo en marcha un sistema de videovixilancia en determinados puntos estratéxicos, despois do estudo e a identificación daquelas parroquias de alta actividade incendiaria.

Rueda destacou que nesta loita contra os incendiarios é fundamental a colaboración da Fiscalía e por iso a Xunta, como administración fundamental, fai todo o posible para mellorar os seus medios. Concretamente, a Xunta renovou os seus equipos informáticos con videoconferencias, está a implantar novas versión das aplicación informáticas e está a piques de regular a Nova Oficina Fiscal para axilizar o seu funcionamento.

Convenio de colaboración
O acto tivo lugar pouco despois de asinar o convenio de colaboración que permite a posta en marcha da Escola do Ministerio Fiscal, e na que tamén participaron representantes da Fiscalía Xeral do Estado, a Deputación Provincial da Coruña e o Centro de Estudos Xurídicos.

A colaboración entre estas institucións, de carácter anual, ten por obxecto establecer a organización, xestión e financiamento das actividades que se programen dentro da Escola de Verán do Ministerio Fiscal 2014, fomentando de tal xeito a formación dos profesionais desta rama da Administración da xustiza na nosa Comunidade.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar