Benestar reforza o acollemento de Aldeas Infantís

Mato_Benestar_convencio Aldeas Infantís

A Consellería de Traballo e Benestar reforzará e ampliará a toda Galicia o Programa de apoio ao acollemento en familia extensa que desenvolve en colaboración con Aldeas Infantís. A titular do departamento autonómico, Beatriz Mato, asinou hoxe un convenio neste sentido coa presidenta desta asociación, Rosa Freire.

Ata o de agora, esta iniciativa realizábase na área de Vigo desde hai anos, e o exercicio pasado estendeuse como proxecto piloto a toda a provincia de Pontevedra, amosando uns “resultados positivos”. Para levalo agora a toda a comunidade autónoma, o Goberno galego “triplicará” a súa achega económica a este proxecto, que pasará de 30.000 a 100.000 euros. Esta contía supón o 60 por cento do investimento total do programa, que ascende a uns 170.000 euros.

Con esta ampliación e reforzo orzamentario, estímase que a iniciativa poderá chegar a unhas 80 familias e dar formación a unhas 320 persoas. En concreto, o obxectivo do programa é ofrecer información, acompañamento, asesoramento ás familias e aos menores; promover os recursos necesarios para crear un entorno seguro e afectuoso; e mediar na relación coas familias. Ademais, e por primeira vez, ofreceranse accións formativas para as familias acolledoras, para que estean preparados e poidan superar as dificultades que se presenten.

O acollemento en familia extensa –aquel realizado por familiares distintos dos pais do menor- engloba á gran maioría de acollementos que se realizan ao longo dun ano. En concreto, en 2013 supuxeron o 84 por cento do total. Esta modalidade tende a facilitar a integración dos menores e tamén o contacto cos seus pais, pero non impide que as familias poidan presentar algunha problemática para a que requiran a intervención individualizada dun profesional.

Así, este programa está deseñado para dar respostas ás familias e vén a completar o traballo que xa realizan os equipos técnicos de menores do Goberno galego. De feito, todas as actuacións estarán coordinadas entre os profesionais da asociación e os da Xunta.

Esta iniciativa “completa e complementa” a que se desenvolve en colaboración con Cruz Vermella para o acollemento en familia allea, e que se leva executando desde o ano 1995. Actualmente conta cun orzamento de 300.000 euros e permitiu atender a máis de 227 menores o ano pasado.

“En definitiva, o convenio que asinamos hoxe supón un novo paso no noso compromiso coa protección dos menores”, asegurou Mato, quen considerou que “nese obxectivo común do benestar e desenvolvemento feliz dos nenos e nenas, a cooperación entre a administración e as entidades do terceiro sector é fundamental”.

Ao respecto, eloxiou o traballo que desenvolve Aldeas Infantís, entidade coa que a Consellería mantén unha “fluída colaboración” que se reflicte nos máis de 11,5 millóns que se teñen investido, desde 2009, tanto en concerto de prazas como en convenios de colaboración.

 

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar