O PPdeG considera moi favorable a reforma fiscal

O voceiro parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, considerou, a falta de realizar unha análise máis «pormenorizada», «moi progresiva» a reforma fiscal impulsada polo ministro Cristóbal Montoro pola baixada media do 12,5 por cento no imposto do IRPF, e augurou que contribuirá ao «desapancamento» económico.
A preguntas dos medios, Puy Fraga criticou que houbese voces que «antes de coñecela» dixesen xa que as modificacións pretendían «favorecer os ricos», mentres que «todo o que se coñece apunta ao contrario».
Deste xeito, o parlamentario popular destacou que, se se miran os tramos de renda en relación ás tarifas de antes de que gobernase o PP, «o que hai é unha caída drástica da presión fiscal» sobre as rendas máis baixas», unha diminución que se fai menor en función do aumento da renda.

 

Por outro lado, o voceiro popular recordou que o país, as familias e as empresas están «endebedados» e que, gravar menos a renda, vai permitir «reforzar os procesos de desapancamento» do país.
Para Pedro Puy, a reforma fiscal que promove o Goberno central incide na «equidade» e na «progresividade» do sistema impositivo, corrixindo tamén a situación de sociedades do IBEX que tributaban por debaixo do 10 por cento. De feito, admitiu que a reforma do imposto de sociedades, «probablemente a había que facer antes».

«POLO BO CAMIÑO»

«En liñas xerais é difícil cuestionar unha reforma que vai no bo camiño e que ten como última dúbida é se se vai manter a recadación», indicou, se ben agregou que as previsións son de crecemento e que, polo tanto, espera que si continúen.
Neste sentido, considerou que, se se confirman as previsións e a creación de emprego, xunto con outros factores, se poderán «manter os ingresos» e, co paso do tempo, non só iso senón tamén «cubrir a brecha de déficit» que España aínda ten e que «antes ou despois terá que resolver».

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar