O BNG, contra a reforma pola «relación deficitaria co Estado»

Vence_BNG_rolda_23062014
O voceiro nacional do BNG, Xavier Vence, criticou con dureza a reforma fiscal deseñada polo Goberno central e anunciou que a súa formación presentará «nos próximos días unha balanza fiscal para «demostrar con datos» que Galicia mantén «unha relación deficitaria» co Estado. O devandito informe reflicte un diferencial en contra da facenda autonómica que, con datos de 2011, supera os 3.000 millóns de euros.

O Bloque presentará esta balanza no marco dunha batería de propostas de carácter económico, fiscal e competencial que porá sobre a mesa para que Galicia «xogue de verdade» no debate estatal sobre o peso territorial e fronte á actitude meramente «defensiva» que Vence a atribuído a Alberto Núñez Feijóo, ao que acusou de «presidente de segunda división».

En rolda de prensa, Vence aludiu aos datos estatísticos da Enquisa de Condicións de Vida do Instituto Nacional de Estatística (INE) e remarcou que «desmontan a imaxe propagandística de Feijóo», ao tempo que dan «un suspenso profundo» a el e ao seu Executivo, ao evidenciar que a situación galega é «peor» que a media estatal en materia laboral, de vivenda ou na economía en xeral.

Nesta conxuntura, lamentou que Feijóo se limite a «presumir de recortes» sen impulsar «ningún plan económico e social» para garantir o futuro do país. «É un presidente que goza do seu papel de oínte obediente e servil a custa de cargarse, literalmente, o futuro económico de Galicia», advertiu, antes de sinalar que «está a aceptar perder 2.000 millóns de euros na negociación dos fondos estruturais».

Vence tamén alertou de que o presidente galego «acepta» que Madrid «decida o destino» dos fondos tecnolóxicos que asigna Bruxelas a Galicia e que acatou «con absoluto silencio» perder «300 millóns» na repartición dos fondos da PAC.

«E non opina sobre unha reforma fiscal que vai reducir drasticamente os recursos das comunidades», remarcou, para cargar contra a reforma de Cristóbal Montoro porque é «regresiva no social», xa que «beneficia só ás rendas altas e grandes empresas», e «ataca ás competencias das comunidades», que verán «reducidos os seus ingresos».

PRESIDENTE «de SEGUNDA DIVISIÓN»

O dirixente nacionalista tamén se referiu ás declaracións de Feijóo nunha entrevista coa Radio Galega, na que este advertiu de que Galicia «non pode perder as súas competencias históricas», e considerou insuficiente este pronunciamento, convencido de que o titular da Xunta non se pode limitar a mostrar «unha actitude defensiva e á contra», senón que debe tomar iniciativa.

«Galicia reséntese por ter un presidente de segunda división, sen iniciativa e sen proxecto de futuro, que condena a este país á irrelevancia política do Estado», constatou, antes de comprometer esta actitude coa de Euskadi ou Cataluña, que «están batallando» con propostas e proxectos para «gañar competencias».

Segundo Vence, Galicia debería seguir o mesmo camiño e poñer proxectos sobre a mesa non só para desenvolver as competencias que xa lle outorga o Estatuto senón para «gañar máis» e estar «na primeira división do Estado» como «a nación que é».

Por iso, emprazou a Feijóo a que «poña sobre a mesa» propostas para evitar que Galicia «perda posicións» no debate territorial e avanzou que, en calquera caso, o BNG si exporá proxectos encamiñados a conseguir este reto, empezando pola balanza fiscal que fará pública nos próximos días.
Imprimir

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar