Homenaxe a Blanco Amor no 35 aniversario do seu pasamento

Baltar_actos 35 aniversario Blanco Amor_dtor política Lingúistica e presidente RAG
Con motivo do 35 aniversario da morte do escritor da Esmorga, a Deputación de Ourense promoverá a edición de dous libros e a realización de actos literarios, exposicións e certames, mentres que a Real Academia Galega celebrará un pleno extraordinario en Ourense en homenaxe a súa memoria.

Deputación, Xunta, Parlamento de Galicia, Real Academia e Pen Club coinciden na necesidade de seguir potenciando a obra e a traxectoria dun dos escritores galegos máis cosmopolita e universal.

O 35 aniversario do pasamento do escritor ourensán Eduardo Blanco Amor reuniu hoxe na Deputación de Ourense a representantes institucionais e culturais no acto de presentación das actividades que ao longo deste ano 2014 coordinará a institución provincial para poñer en valor a obra e a traxectoria dun dos máis grandes escritores e articulistas galegos. Edicións de libros, actos literarios, exposicións, certames e mesmo un pleno extraordinario que a Real Academia Galega celebrará en Ourense son algúns dos eventos que se desenvolverán entre o vindeiro mes de xullo e ata decembro para difundir e promocionar o legado literario de Blanco Amor.

O acto de presentación contou coa presenza do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero; o vicepresidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices; o director xeral de Política Lingüística, Valentín García; o presidente do Pen Club Galicia, Luís González Tosar, e a delegada territorial de Educación e Cultura, Mercedes Gallego. Baltar, quen definiu a Blanco Amor como «un xigante das nosas letras», destacou que neste ano, no que se cumpren tamén 250 anos do pasamento do Padre Feijóo, «a Deputación de Ourense vai levar a cabo unha serie de actividades que potencien e contribúan a promover aínda máis a figura e a traxectoria de Blanco Amor, un ourensán universal, de quen temos a obriga de recoñecer hoxe e sempre o seu legado literario».

Neste senso, o presidente do goberno provincial anunciou que a Deputación de Ourense editará unha compilación dos artigos escritos por Blanco Amor no xornal La Región, e publicará, asemade, a compilación da correspondencia que diferentes persoeiros dirixiron a Blanco Amor ao longo da súa vida, documentos que se atopan nos fondos da biblioteca provincial.

Baltar falou da relación «case indisoluble» que A Deputación de Ourense mantén coa figura de Blanco Amor, pois o ente provincial garda e enriquece o arquivo e a biblioteca do autor da Esmorga nas dependencias da Biblioteca Provincial, e, ademais, promoveu o monumento a Blanco Amor, situado nos Xardíns do Bispo Cesáreo, cando se cumpriron 50 anos da publicación da Esmorga. Tamén, a Deputación de Ourense fixo unha edición masiva desta obra e distribuíuna polos diferentes centros escolares da provincia e estivo tamén presente na tradución da Esmorga ao inglés, realizada polo profesor da Universidade de Cardiff, Craig Patterson.

Finalmente, Manuel Baltar anunciou que a Deputación de Ourense está a traballar na posta en marcha dunha fundación que protexa e difunda a memoria de Blanco Amor.

Escultura e exposición

Outra das actividades que se desenvolverá ao longo do «Ano Blanco Amor» terá lugar o vindeiro 12 de xullo, coincidindo coa Festa da Palabra que organiza anualmente escritor Luís González Tosar na Insua dos Poetas en colaboración coa Deputación de Ourense. Será a inauguración dunha instalación alusiva a Eduardo Blanco Amor, obra dos escultores Acisclo Manzano e Acisclo Novo, no decurso do tradicional acto literario que todos os anos se celebra na Esgueva (O Carballiño).

Por outra banda, a Deputación de Ourense está a traballar na elaboración dunha exposición bio-bibliográfica sobre Blanco Amor, en colaboración co coleccionista Carlos Laíño, que contará tamén cunha galería de retratos e caricaturas do escritor elaboradas polo debuxante Siro López, e, segundo anunciou hoxe o presidente da Real Academia, Xesús Alonso Montero, a RAG celebrará un pleno extraordinario en Ourense en homenaxe ao autor da Esmorga nesta data sinalada do seu 35 cabodano.

Ademais, as actividades completaranse coa tradicional ofrenda floral a Blanco Amor, que dende hai dez anos se ven celebrando no mes de decembro na campa do cemiterio de San Francisco, organizada polo Pen Galicia coa colaboración da Deputación de Ourense, a RAG e os alumnos e profesores do IES Eduardo Blanco Amor de Ourense; e tamén, a Deputación de Ourense, ten previsto colaborar na organización do premio de novela que leva o nome do escritor, creado en 1981 polo Concello de Redondela.

«Todo o que fagamos por este gran creador galego é pouco», dixo Alonso Montero, quen tamén propuxo que se edite un libro cunha escolma dos artigos que Blanco Amor publicou entre os anos 1936 e 1942 en Bos Aires no xornal Galicia, da Federación de Sociedades Galegas. «É unha maneira máis de recoñecer o labor do gran articulista que foi Blanco Amor, publicación á que poderíamos sumarlle a edición dunha escolma de relatos, nunha edición de baixo custe, que sexa acaída para escolares e para o público en xeral, co obxectivo de seguir achegando a súa figura a todos os lectores, pois Blanco Amor e a súa obra resisten o tempo».

Finalmente, Valentín García anunciou que para difundir a figura e a obra de Blanco Amor a Xunta contactará con 39 universidades de todo o mundo para editar traducións das diferentes obra do creador ourensán, e tamén editará no vindeiro curso escolar en Galicia unidades didácticas referidas ao autor da Esmorga.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar