¿Que lle pasa a España?

Que lle pasa a España?, preguntábanse entre laios caspirros os animadores sociais (antes locutores ou xornalistas) nas radios e televisións, na noite do 18 de xuño. Que lle pasou a España!

Se inquiren a Mariano Rajoy, contestará que «aquí non pasa nada». Se revivise Iglesias Corral, diría que «aquí pasou o que pasou».

Á Selección da Federación Española de Fútbol, ese é o seu nome oficial, pásalle o mesmo que ao Estado español: esborrállase.

Existe unha relación bipolar entre sociedade-equipo. Os valores, a idiosincrasia e o clima social transmítense ao campo de xogo, influíndo en tácticas e resultados, como se transmiten tamén a música e a literatura. Aínda que non se trata dunha relación absolutamente directa, senón que nese clima mandan as «percepcións sociais». Esa interrelación entre sociedade e xogo é máis patente nas denominadas «seleccións nacionais» de fútbol pois este espectáculo representa unha teatralización dos valores principais da sociedade moderna.

O grande xogador alemán Netzer afirmaba que «as regras son as mesmas para todos, pero cada pobo exprésase á súa maneira e prefire o seu xeito de xogar». O catenaccio non foi un invento italiano, senón da Suíza, entalicada entre os fascismos de Alemaña e Italia, ao comezo dos anos trinta. Con el venceu a Inglaterra no Mundial de 1938.

No mundial de Chile, 1962, o seleccionador Helenio Herrera retirou do equipo aos españois nacionalizados, entre eles Puskas, porque consideraba que «non tiñan un carácter suficientemente patriótico». A actual selección española constituíuse en base ao concepto futbolístico do Barcelona CF, o famoso toque-toca, nun pacto da xeración de futbolistas que crían na diversidade e na complementariedade. Puxéronse as bases nunha época expansiva socialmente, na que as discrepancias eran posíbeis e o consenso estatal e social unha arela.

A chegada do PP ao goberno central e a aparición da crise dinamitaron ambos elementos nos que se asentaba o clima cidadán.

O toque-toca, que na Eurocopa de Aragonés era expansivo, para gañar, converteuse no Mundial de Suráfrica en defensivo, un xeito de aguantar, de non perder. A súa virtude foi non recibir goles. En Brasil desapareceu, deixando ao combinado sen identidade.

Alguén pensaba que co clima social existente e a reacción (mesmo interna) contra esa idea de España que tentaron imporlle á selección, esta podía ser campioa? Si, os mesmos que din que aquí todo vai ben!

Como ben dixo Xabi Alonso, faltoulles confianza. O mesmo que lle pasa ao pobo. A realidade imponse, aínda no xogo e o fútbol é o espello da sociedade.

Afonso Eiré é xornalista e colaborador de El Correo Gallego

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar