A Deputación de Ourense dalle o seu apoio aos «Balcóns de Madrid» na Ribeira Sacra

Ribeira Sacra_Os balcóns de Madrid_Parada do Sil
A Deputación de Ourense apoia ao Concello de Parada do Sil para acadar que o seu emblemático miradoiro: «Os balcóns de Madrid», situado en plena Ribeira Sacra, sexa elixido como «Mellor rincón 2014» da Guía Repsol. Nunha reunión que mantivo o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, co alcalde de Parada de Sil, Francisco Magide, o titular de goberno provincial trasladoulle «o firme apoio» da institución que preside para que esta fermosa paraxe da nosa provincia sexa distinguida con este galardón, polo que compite con outros 16 enclaves de toda España, propostos polos viaxeiros.

«Os balcóns de Madrid» foi elixido xa pola Guía Repsol como representantes de Galicia para optar ao premio «O mellor rincón 2014» de entre 108 propostas de diferentes paraxes galegos e de 1.034 candidaturas de toda España, votadas polos viaxeiros.

Baltar afirma que Os balcóns de Madrid «son unha traza de identidade da nosa Ribeira Sacra, un territorio que estamos a promocionar difundindo a súa riqueza paisaxística, patrimonial, cultural e natural para que acade o recoñecemento de Patrimonio da Humanidade por parte da Unesco». Por elo, anunciou que na páxina web da deputación habilitouse un enlace para que os internautas que o desexen poidan votar a candidatura dos «Balcóns de Madrid» «para que logren o recoñecemento que se merecen pola súa orixinalidade e a súa fermosa contorna».

Sobre as excelencias desta singular paraxe de Parada de Sil a Guía Repsol sinala que pouco antes de morrer no Miño, o río Sil, salpicado de mosteiros medievais, atravesa un inmenso canón cunha profundidade de ata 300 metros. Aquí se atopa –explica a guía- un dos mellores miradoiros da Ribeira Sacra, «Os balcóns de Madrid», coñecido con ese nome porque era o lugar escollido polas mulleres para ver marchar aos seus maridos emigrantes, moitos dos cales eran barquilleiros que ían ás verbenas de Madrid, o que explica que este concello ourensán teña un monumento ao Barquilleiro.

A Deputación de Ourense abriu no seu espazo web un enlace para que os internautas poidan votar ata o vindeiro 26 de agosto polos «Balcóns de Madrid», data na que se darán a coñecer as dúas localidades finalistas de toda España. O 16 de setembro proclamarase o «rincón gañador», que será a paraxe que máis apoio teña recibido dos internautas, a cal recibirá o correspondente recoñecemento por parte da Guía Repsol creando contidos exclusivos deste emprazamento no portal Guiarepsol.com.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar