Entra en servizo o Tren Turístico dos Viños das Rias Baixas

Tren turístico Galicia tamén viño

‘Galicia, a todo tren’. Este é o programa de trens turísticos de Galicia que pon en marcha este verán Turismo de Galicia, en colaboración con Renfe, e que mañá domingo inicia a súa andaina nos territorios vinícolas das Rías Baixas co Tren da Ruta do Viño das Rías Baixas.

Este tren partirá tiña prevista a sua saida ás 9.23 horas da estación de Santiago de Compostela e os viaxeiros chegarán a esta mesma estación ás 22.26 horas, logo de pasar a xornada na Denominación de Orixe Protexida Rías Baixas e a Ría de Vigo.

Logo da partida, o tren dirixirase cara a Vilagarcía de Arousa. Unha vez na estación, os viaxeiros trasladaranse en autobús ata unha adega, que visitarán e na que poderán participar nunha degustación de viños.

Máis tarde, viaxarán en autobús ata a vila de Cambados, onde poderán facer un percorrido por esta histórica vila mariñeira e ter outra degustación dos caldos da Denominación de Orixe Protexida Rías Baixas.

RÍA DE VIGO

Tras a estadía en Cambados, os viaxeiros regresarán a Vilagarcía de Arousa para coller o tren turístico cara a Vigo, onde está previsto o xantar.e un percorrido pola cidade.

Pola tarde, desde o porto de Vigo, os usuarios deste tren partirán nun pequeno cruceiro pola Ría ata a Illa de San Simón e, tras o regreso á cidade olívica, tomarán un tren regular cara a Santiago de Compostela dende a estación de Guixar.

RUTAS DOS VIÑOS DE GALICIA

Este será o primeiro tren turístico da Ruta do Viño Rías Baixas que se pon en marcha esta tempada dentro do programa `Galicia, a todo tren`, un programa que comezou o pasado día 14 de xuño coa posta en servizo do tren turístico dos faros, que circula entre Ferrol e Ribadeo.

Os trens turísticos de Galicia funcionarán entre os meses de xuño e setembro, en sete rutas distintas: Faros, Rías Baixas, Ribeira Sacra, Monterrei, Valdeorras-Ribeira Sacra, O Ribeiro-Rías Baixas e Pazos e xardíns históricos.

Ademais dos trens dos faros e Rías Baixas, que funcionan entre Ferrol e Ribadeo, e Santiago e Vigo, respectivamente; o tren da Ribeira Sacra percorre a liña ferroviaria entre Ourense e Monforte de Lemos; o tren de Monterrei, o treito entre Ourense e A Mezquita-Vilavella; o tren de Valdeorras-Ribeira Sacra, a liña entre Ourense e A Rúa-Petín; o tren do Ribeiro-Rías Baixas, a liña entre Ourense e Arbo; e o tren dos pazos e os xardíns históricos, o treito ferroviario entre Santiago e Vigo.

Pódese consultar o calendario dos trens turísticos de Galicia na páxina web de Turismo de Galicia así como na da compañía ferroviaria RENFE, onde tamén se pode reservar o billete.

O prezo dos billetes é de 40 euros para os adultos e 10 euros apra os menores de 14 anos, para as viaxes dun día. Existen descontos para as fins de semana e traslados desde outras cidades.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar