«Reencontros»: Chegan máis emigrantes galegos

Reencontros_Alvedro_Miranda

Os primeiros participantes da edición deste ano do programa “Reencontros na Casa”, iniciativa da Secretaría Xeral da Emigración, comezaron xa a chegar aos aeroportos de Lavacolla e Alvedro. No aeroporto coruñés, un grupo de 40 uruguaios a bordo do voo UX7233 foi recibido esta mañá polo secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda.

En total, este ano serán 188 os participantes neste programa, que ten por obxecto ofrecer a posibilidade de achegarse á súa terra, e a súa familia, aos galegos residentes nos diferentes países de Latinoamérica. A través desta iniciativa, facilítase que estes emigrantes teñan a oportunidade de redescubrir as súas raíces, e ao tempo ponos en contacto coa realidade actual de Galicia, case sempre nos mesmos lugares nos que naceron.

Para algúns deles, de feito, é o primeiro retorno á súa terra de nacemento, desde que iniciaran a súa andaina alén o Atlántico. Trátase doutra iniciativa máis, que a Secretaría Xeral da Emigración mantén, para consolidar as prestacións sociais aos cidadáns galegos residentes no Exterior.

Reencontros_Alvedro

O programa establece a concesión de axudas para algúns dos beneficiarios ou beneficiarias, polo valor do 60 por cento do custe da pasaxe entre os seus países de residencia e Galicia, agás no caso de Cuba e Venezuela. No primeiro país, a axuda consiste nun 90 por cento do custo da pasaxe, e no caso de Venezuela ata o 100 por cento, por mor da situación económica e as dificultades engadidas para acceder ás divisas necesarias.

O papel da Administración galega, ademais de sufragar esa parte do billete, é o de velar pola súa saúde no traslado, e organizar coas familias o reencontro. Unha vez realizado este, son elas, as familias, as encargadas da manutención e hospedaxe dos beneficiarios da iniciativa. A duración da estadía en Galicia non pode prolongarse en ningún caso máis aló dos tres meses.

As condicións que se establecen na edición deste ano do programa non varían respecto de anos anteriores, como non o fai o orzamento destinado por Emigración para o seu desenvolvemento. Trátase dunha nova aposta do Goberno galego por manter as liñas de actuación social que benefician directamente ao cidadán, de maneira que as políticas socio asistenciais se manteñan mesmo en tempos de crise económica, tamén no caso dos galegos e galegas residentes no Exterior.

Para se beneficiar do programa, o solicitante debeu acreditar ser emigrante galego ou fillo de emigrante galego, residir en Latinoamérica, ter máis de 60 anos, ser válido por si mesmo, non padecer trastornos psicofísicos que alteren a normal convivencia e estar en condicións de realizar unha viaxe de longa duración, non ter participado nos últimos cinco anos naturais en programas de viaxes da Secretaría Xeral de Emigración, ter familiares de ata cuarto grao de consanguinidade ou afinidade cos que poidan residir durante a súa estadía en Galicia, así como ter ingresos inferiores a 3 veces o importe da pensión asistencial española por ancianidade marcada para o país de residencia (cantidade distinta á correspondente en España). Igualmente, poden beneficiarse os cónxuxes dos emigrantes galegos que cumpran algúns destes requisitos, segundo establece a orde reguladora do programa.

Aínda que os participantes teñen máis de 60 anos, cómpre subliñar que a media de idade do continxente deste ano é de 75 anos. De entre os beneficiarios deste Reencontros na Casa 2014, o 58 por cento participa por vez primeira na iniciativa, e algún deles non volvera a Galicia desde que decidiran poñer rumbo ao seu novo fogar en Latinoamérica.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar