Lucía Pérez e Los Sabandeños, esta noite, no «Luar» da TVG

Cantante Lucía Pérez

A cantante galega Lucía Pérez presentará esta noite en “Luar” (22.05 horas) o seu novo disco, “Quitapenas”, o seu sexto álbum de estudio. Neste traballo, que transmite alegría e positivismo e que ofrece temas cargados de enerxía, Lucía quere demostrar que segue medrando como artista.

O espazo da TVG tamén contará hoxe coa presenza no escenario cantante de copla Charo Reina, cuxo último traballo discográfico é “Por ti y para ti”, unha homenaxe á súa tía, a gran Juanita Reina.

Ademais, o programa presentado por Xosé Ramón Gayoso e Lucía Regueiro recibirá a visita da formación canaria Los Sabandeños, que neste 2014 fai 50 anos de traxectoria musical. O grupo ten máis de 70 traballos discográficos e un arquivo sonoro que recolle parte do legado tradicional.

Outra das actuacións da noite será a da banda viguesa Weli Kings, que reinventa as cancións galegas máis populares. O grupo fusionou temas como “A saia da Carolina”, “Rianxeira” ou “Ven bailar, Carmiña” con ritmos como o funky, a cumbia e o rock wéstern.

A Banda de Música de Sanxenxo, a orquestra Breixa Band e o Grupo Etnográfico A Buxaina completan o cartel musical do “Luar” desta semana, que contará tamén co humor de Moncho Borrajo e de Campos e Crespo.

Pero, sen dúbida, un dos momentos máis emocionantes da noite chegará no tempo dos concursos “Vai de Gaita” e “Recantos”, que hoxe pasarán á súa seguinte fase. No caso do primeiro, dous concursantes serán eliminados e só quedarán outros dous aspirantes, que se enfrontarán a semana que vén na gran final. En canto a “Recantos”, catro participantes despediranse deste concurso de talentos musicais e outros catro continuarán na liza por alzarse co título deste ano, que rematará coas dúas semifinais e coa final, que se celebrará dentro de tres semanas.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar