A Mostra de Teatro de Ribadavia adquire «carácter estratéxico» segundo Xesús Vázquez

Vázquez_Abad_Mostra Interncional Teatro Ribadavia

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, revalidou o apoio da Xunta de Galicia á Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia, da que subliñou “o seu actual carácter estratéxico e a súa especial transcendencia histórica no inicio e posterior desenvolvemento do teatro galego”. Vázquez Abad realizou estas declaracións durante a presentación en Santiago da trixésima edición do encontro, que do 19 ao 26 de xullo despregará unha carteleira que aposta pola innovación a través de grandes nomes da escena internacional, como o británico Declan Donellan ou a italiana Emma Dante, e das últimas propostas de compañías galegas como Voadora ou Chévere, entre outras.

Na súa intervención, salientou así mesmo o esforzo da organización e dos veciños de Ribadavia por manteren activo o “espírito referencial” da MIT, onde cada mes de xullo se dá cita unha representación do máis interesante e recoñecido da escena nacional e internacional. Neste sentido, o conselleiro lembrou que a mostra foi recoñecida pola Xunta co premio da Cultura Galega 2013, na categoría de artes escénicas, “tanto pola súa vertente de evento catalizador da refundación da escena galega como pola súa faceta como cita anual ineludible do noso sistema teatral”.

Nestes dous piares susténtase, así mesmo, a colaboración da Consellería de Cultura e Educación coa mostra ribadaviense no seu trinta aniversario e que –segundo detallou Vázquez Abad– se materializa a través dunha achega de 60.000 euros, contía que supón ademais un incremento na súa contribución económica ao evento dun 34,27 por cento respecto do ano anterior.

Liña xeral de apoio a festivais
O titular de Cultura e Educación, quen compartiu esta presentación co presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares; o alcalde de Ribadavia, Marcos Blanco; e o director da MIT, Roberto Pascual, enmarcou esta cooperación directa coa Mostra Internacional de Ribadavia na liña xeral de apoio da Consellería aos festivais culturais de Galicia. Así, explicou que tamén este ano e a través da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) destínanse outros 400.000 euros ás subvencións en réxime de concorrencia competitiva para a celebración de festivais, mostras e certames galegos dedicados á difusión das artes escénicas e musicais, tanto de carácter profesional (360.000 euros) como afeccionado (40.000 euros).

Nas súas palabras, tanto estas axudas públicas como a colaboración específica coa MIT “inciden na consolidación do mapa galego de festivais culturais, na optimización dos recursos públicos para este tipo de celebracións, na dinamización das contratacións artísticas e técnicas no seo das nosas industrias culturais e no fomento de espectadores”. “Ao tempo –continuou– favorécense as economías locais sumando as carteleiras de cada programación como reclamo moi a ter en conta dentro da oferta de turismo cultural no que Galicia ten tanto que amosar”.

No caso da Mostra Internacional de Ribadavia, a través da programación do seu trinta aniversario búscase asumir novos riscos mediante discursos e linguaxes escénicas contemporáneas e impactantes. Ademais, como avanzou hoxe o seu director, o fío condutor desta trixésima edición, cun total de 23 citas musicais e escénicas en cartel, será “a musicalidade como artefacto escénico eficaz para xerar novas formas e provocar estímulos que capturen a atención dun espectador esixente, crítico e inconformista”.

Primeira representación en Galicia de Cheek by Jowl
Entre as propostas deste ano, destaca a presentación por vez primeira en Galicia dun espectáculo dirixido por Declan Donellan, un dos grandes nomes do teatro internacional. En Ribadavia, a súa compañía Cheek by Jowl, asociada ao Barbican Centre de Londres, porá en escena o martes 22 de xullo a coprodución británico-francesa ‘Ubu Roi’, versión moi persoal e actual da obra de Alfred Jarry.

Ademais, a MIT recibirá a Emma Dante, unha das máis recoñecidas directoras de escena de Italia, quen chegará a Galicia coa peza de teatro-danza ‘Le sorelle Macaluso’ (domingo 20 de xullo) inmediatamente despois de presentala no afamado festival francés de Avignon.

As propostas internacionais, entre as que tamén destaca un ciclo dedicado ao novo teatro arxentino, compartirán espazo cunha representación da creación escénica galega actual, a través da que se prestará especial atención ás diversas formas e estilos que adopta o teatro ao empregar a música na posta en escena. Neste sentido, a compañía Voadora será a encargada de inaugurar a MIT 2014 o sábado 19 de xullo coa estrea galega da súa revisión de ‘A tempestade’, de Shakespeare, desde unha linguaxe moi ecléctica e contemporánea. Pola súa banda, Chévere presentarase en Ribadavia o venres 25 de xullo con ‘O país doas ananos’, o seu cabaré nihilista sobre a Galicia actual.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar