Primeiro protocolo autonómico para a detección precoz do déficit de atención e hiperactividade

A conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, e o responsable de Cultura e Educación, Jesús Vázquez, presentaron este martes en Santiago o primeiro protocolo autonómico para a abordaxe «integral» e a detección precoz do Trastorno por Déficit de Atención e Hiperactividade (TDAH).

Hiperactividade e falta de atencionHiperactividade e falta de atencion O protocolo sistematiza unha actuación pola que familias, profesorado, servizos de orientación e persoal sanitario terán unha intervención similar ante as persoas diagnosticadas con TDAH ou que sospeiten que poidan padecelo. Nesta liña, farase especial fincapé na detección precoz para mellorar os resultados da intervención educativa e sanitaria.

Tal e como apuntou Rocío Mosquera, esta patoloxía afecta aproximadamente a un de cada 20 nenos e é un dos motivos máis frecuentes de consulta de nenos en servizos de psiquiatría e neuropediatría. Non obstante, é difícil coñecer a súa extensión real, dado que existe tanto falta de detección dalgúns casos como sobrediagnóstico noutros.

Entre outras vantaxes que supón este documento está o establecemento dun procedemento regulado para o traslado de información entre os sistemas educativo e sanitario, achegando os modelos de informe que deben utilizarse e facilitando un esquema completo do protocolo ao detectar un posible caso de TDAH.

INDICADORES

O protocolo presentado este martes aborda o TDAH como un «patrón persistente de conduta de desatención, hiperactividade e impulsividade que comeza a manifestarse na infancia e inflúe negativamente no funcionamento e no desenvolvemento» das persoas afectadas, prolongándose «máis alá da infancia».

Nesta liña, Rocío Mosquera recordou que, aínda que o diagnóstico se realiza no ámbito sanitario, é o ámbito familiar e educativo o que primeiro pode detectar indicadores de risco, polo que é necesaria unha estreita «colaboración» entre ambos os dous ámbitos en aras de mellorar «a detección precoz» e a «abordaxe multidisciplinar».

Entre as iniciativas que inclúe o protocolo, recomenda ás familias a tarefa de observar e rexistrar o que sucede no funcionamento familiar e nos xogos, poñer en práctica as orientacións que se proporcionan e informar o profesorado do que está a suceder ao seu fillo.

No caso do profesorado, o seu labor céntrase en observar e rexistrar o que sucede no funcionamento escolar e nas relacións sociais, poñer en práctica orientacións educativas e solicitar a intervención dos servizos de orientación, que realizarán a avaliación psicopedagóxica e redactarán un informe, apuntando os recursos necesarios.

No ámbito dos servizos sanitarios, o protocolo define as fases do proceso asistencial, establece os seus obxectivos e indicadores e determina factores clave para o diagnóstico, tratamento e seguimento.

O protocolo proporciona tamén unha serie de anexos con ferramentas para o desenvolvemento do proceso, tales como instrumentos de avaliación psicopedagóxica.

ATENCIÓN Á DIVERSIDADE

Para Jesús Vázquez, este protocolo supón un paso máis na política do seu departamento en favor da «atención á diversidade», co obxectivo de favorecer o «desenvolvemento das potencialidades» de cada neno.

Pola súa banda, Mosquera apostou pola detección precoz desta problemática co obxectivo de darlle unha «resposta integral» que facilite a adaptación dos nenos e o seu desenvolvemento futuro «evitando a estigmatización».

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar