O «Arde Lucus» contou con máis de 600 mil visitantes

Arde Lucus_Orozco_balanzo

Arde Lucus_Orozco_balanzo

O Alcalde de Lugo, José López Orozco, e a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, fixeron o balance dos tres días de Arde Lucus que, un ano máis, volveu a superar as expectativas marcando novas cifras de visitantes. Así, entre os días 13 e 15 de xuño visitaron Lugo preto de 650.000 persoas que participaron nunha das festas de recreación histórica máis destacada de España.

López Orozco manifestou que “podemos sentirnos orgullosos da festa do Arde Lucus que celebramos este fin de semana porque a cidade foi capaz de superar circunstancias coas que non contabamos e, aínda asi, mellorou a súa calidade como festa e a cantidade de persoas que se achegaron a ela”. Neste sentido tamén explicou que “a imaxe desta cidade como organizadora dunha das festas de recreación histórica máis importante de España quedou engrandecida pola importante labor dos cidadáns”.

“Quero agradecer a todos os lucenses e a aqueles que participaron dunha forma activa que fortalece esta festa tan importante para a nosa cidade e gustaríame facer unha mención especial para os traballadores do Concello, as persoas que participaron na organización, á nosa Policia, Bombeiros e Proteccion Civil, a todas as asociacións e a todos os colexios que colaboraron xa que conseguiron que o Arde Lucus gañe en prestixio” matizou López Orozco,

Pola súa parte, a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, indicou que “as 650.000 persoas son a mellor mostra de que o Arde lucus segue sendo un éxito e conseguimos situala no calendario das grandes festas de España grazas ao traballo e a implicación de todos”.

Así, un ano máis quedou demostrada a importancia que ten para Lugo e para a súa economía a festa do Arde Lucus xa que segundo os cálculos de Protección Civil a afluencia foi de entre 600.000 e 650.000 persoas nestes días e destacou que “estiveron ateigados de público tanto os diferentes espectáculos como as rúas da cidade”. Tamén os medios de comunicación tiveron un papel importante na difusión desta festa máis aló das nosas fronteiras e así cubriron a festa, ademais dos medios de Lugo e de Galicia, tamén medios nacionais.

Basadre tamén salientou que “por primeira vez se integrou á Muralla Romana e a Ponte Romana dentro das festas do Arde Lucus e en ambos actos o número de persoas que o seguiu foi considerable ademais de que nos fai diferentes ao resto de festas”.

Ademais incidiu en que “podemos considerar máis que consolidada esta festa cando, nunha época de dificultades económicas como a que estamos vivindo, somos capaces de reunir a tantas persoas en só tres días”. Pero como ela mesma destacou “agora toca descansar un pouco e traballar para que o Arde Lucus sexa declarada unha Festa de Interese Turístico Nacional”.

ARDE LUCUS, EN NÚMEROS

A responsable de Cultura sinalou que “temos que agradecer o traballo feito polos patrocinadores e por todas as empresas que levaron a cabo as diferentes actividades xa que se souberon adaptar ao presuposto co que contaba o Concello”. Desta maneira, o Arde Lucus 2014 tivo un prezo de 267.000 euros, dos que 176.000 euros estaban presupostados polo Concello de Lugo, pero grazas a colaboración dos patrocinadores con 76.975 euros, aos 66.400 euros dos restaurantes e postos da Praza Maior e a venda de entradas para o Circo Romano, permite “aforrar” ao Concello máis de 50.000 euros.

Neste sentido tamén lembrou que moitos dos patrocinadores non aportaban diñeiro pero si que contribuiron de maneira importante á festa como os descontos do Grupo Alsa ou Iberia ou a publicidade de Regina Viarum e viño do Arde Lucus. Así, lembrou que a aportación dos patrocinadores aumentou de 49.300 euros no ano 2013 aos 76.975 do 2014. En canto ao Grupo Alsa foron 23 autobuses os que achegaron a Lugo máis de 1.200 persoas dende diferentes puntos de España.

Polo posto de información do Concello e polos Museos municipais pasaron máis de 6000 persoas ao longo do fin de semana destacando o importante número de visitantes na Domus do Mitreo, na Casa dos Mosaicos e no Museo de Porta Miñá. Por outra banda, as actividades con máis afluencia de público volveu ser o Circo Romano, as loitas de gladiadores de Ars Dimicandi, o desfile das tropas pola Ronda da Muralla e o encontro final dos romanos e castrexos no Parque Rosalía de Castro.

En canto á páxina web do Arde Lucus houbo máis de 200.000 visitas no último mes e no Facebook tivo máis de 500.000 impactos.

ARDE LUCUS 2015

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, tamén avanzou as datas do próximo Arde Lucus, que serán os días 19, 20 e 21 de xuño de 2015 para evitar que nun mesmo fin de semana se xunten o Arde Lucus coa festividade de Corpus Christie.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar