Nava Castro defende nun foro internacional o patrimonio industrial de Galicia

Nava Castro_patrimonio Industrial Ferrol

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro Domínguez interveu hoxe na mesa redonda Turismo industrial do mar no marco da 3ª edición do Crossroads of Europe e mais da 5º Congreso Europeo de Turismo Industrial que se celebra en Ferrol entre os días 17 e 20 de xuño.

No seu relatorio, a directora de Turismo de Galicia incidiu na situación, potencial e retos da economía marítima no desenvolvemento e xestión de ofertas de turismo industrial en Europa. Nava Castro explicou que o patrimonio industrial de Galicia conforma unha innovadora oferta atractiva que outorga a posibilidade de coñecer diferentes sectores produtivos arraigados á nosa comunidade a través da visita a empresas e instalacións industriais. Incidiu en que se está a traballar na potenciación deses recursos e infraestruturas para poñelos en valor.

Ao tempo, explicou a singularidade da Ruta da Construción Naval de Ferrol e a súa influencia no desenvolvemento turístico da cidade departamental. Segundo dixo, a cifra de viaxeiros aloxados nos establecementos da cidade en 2013 superou nun 4,4% á rexistrada en 2012 e a cifra de pernoitas medrou un 12,3%. Ao tempo, explicou que melloraron os dous grandes segmentos de mercado de modo que o turismo nacional subiu un 12% e o internacional preto dun 14%. De igual modo, a estadía media na cidade medrou un 7,6.

 

Nava Castro_patrimonio Industrial Ferrol_2

Nava Castro afondou tamén noutras rutas vinculadas a este tipo de turismo como a Ruta da Conserva ou as Rutas dos Viños de Galicia e o novo produto turístico das rutas turísticas en tren polas rutas dos viños.

No relacionado co turismo mariñeiro, a directora explicou a gran potencialidade do destino Galicia para o desenvolvemento de produtos e servizos turísticos vinculados a este tipo de turismo para o que Galicia amosa condicións singulares e diferenciadoras, como son os 1.659 quilómetros de costa, os areais ou a gastronomía mariñeira de calidade.

A directora de Turismo explicou no seu relatorio as medidas relacionadas co desenvolvemento do turismo industrial que se recollen no Plan Integral de Turismo de Galicia. Así, na liña estratéxica relacionada coa oferta turística baseada no patrimonio e nos recursos endóxenos, recóllense accións dirixidas ao desenvolvemento de produtos turísticos especializados dirixidos a segmentos de público específicos.

Nava Castro explicou que entre estas accións se inclúen o deseño de itinerarios de turismo industrial; o fomento e adaptación das fábricas para a oferta de actividades de turismo industrial á implantación da norma UNE 30 2001 de Turismo industrial; accións formativas para o persoal así como de apoio á recuperación do patrimonio industrial; o fomento da incorporación de entidades territoriais que desenvolvan o turismo industrial á Rede Española de Turismo Industrial ou a integración de actividades de turismo industrial ao turismo rural e mariñeiro.

 

ITINERARIOS CULTURAIS EUROPEOS
Xa na quenda de debate no que se abordaron diagnósticos para xerar ofertas de turismo industrial en Europa e mais ideas para o aproveitamento en maior medida das oportunidades que a UE brinda no documento de Crecemento Azul, Oportunidades para un crecemento mariño e marítimo sostible, a directora de Turismo explicou que os bens industriais se están a potenciar a través de ferramentas como a recuperación da memoria dos oficios tradicionais ou a potenciación da industria actual.

Así mesmo, Nava Castro falou dos Itinerarios Culturais do Consello de Europa como o vínculo dos cidadáns europeos co patrimonio industrial e como vehículos de intercambio e de posta en valor dos recursos asociados á produción industrial.

“O turismo é un sector que, ben como actividade principal ou ben como actividade complementaria a outras industrias reforza a dinamización das zonas costeiras de Europa”, explicou.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar