Campaña de educación viaria dirixida aos conductores do rural ourensán

Manuel González, Manuel Baltar e David Llorente.
Manuel González, Manuel Baltar e David Llorente.

Axudar aos condutores do rural ourensán, preferentemente aos maiores de 65 anos, a actualizar a súa formación en materia viaria, tanto no que atinxe á nova normativa de tráfico como á recuperación dos puntos perdidos do carné, é o obxectivo da campaña que ven de poñer en marcha a Deputación de Ourense conxuntamente coa Asociación Provincial de Autoescolas e a Xefatura Provincial de Tráfico, unha iniciativa que pretende formar, informar e sensibilizar aos condutores para incrementar a seguridade e os seus coñecementos.

A campaña, á que se destinan 18.000 euros -14.400 euros por parte da Deputación e 3.600 euros achegados pola Asociación de Autoescolas- desenvolverase en 31 concellos da provincia de Ourense entre os meses de xuño e setembro, e consistirá en charlas informativas, impartidas por 31 profesores de autoescolas, tendo a previsión acadar un número aproximado de 1.500 alumnos, a maioría deles maiores de 65 anos.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, dixo hoxe na presentación desta iniciativa que nunha provincia como a nosa “na que contamos con 1.800 quilómetros de vías provinciais e numerosos núcleos de poboación a reeducación e sensibilización viaria é algo moi necesario, por iso, esta proposta da Asociación Provincial de Autoescolas, avalada pola Xefatura Provincial de Tráfico, é moi acaída e supón unha aposta firme da Deputación de Ourense co fin de mellorar a seguridade de condutores e peóns nas estradas”.

Pola súa banda, Manuel González, vicepresidente da Asociación Provincial de Autoescolas, explicou que os cidadáns do rural “demandan cada vez máis a realización de actividades que permitan actualizar os seus coñecementos en materia viaria, e mesmo estas xornadas son de grande axuda para moitos condutores que están a piques de perder todos os puntos do seu carné, pois unha vez acontecida esta perda teñen moitas dificultades para manter o seu carné”.

Finalmente, o xefe provincial de Tráfico, David Llorente, agradeceu á Deputación e á Asociación de Autoescolas a posta en marcha desta iniciativa “xa que o envellecemento da poboación condutora é un dos maiores problemas ao que nos enfrontamos”, e explicou que na provincia de Ourense, dun censo de 190.000 condutores máis de 30.000 son maiores de 65 anos, “que é precisamente a franxa de idade na que se rexistra o maior número de accidentes”. De aí que proxectos como este, de sensibilización e reciclaxe formativo, “sexan sempre benvidos para aumentar os índices de seguridade e reducir a sinestralidade”.

As sesións formativas, abertas a todos os condutores que o desexen, comezarán o vindeiro venres, 20 de xuño, no Concello de Toén e continuarán ao longo de todo o verán, ata o 27 de setembro, noutros 30 concellos da provincia de Ourense: Pereiro de Aguiar, San Cibrao das Viñas, Coles, Maside, Monterrei, Pobra de Trives, San Cristovo de Cea, Boborás, Amoeiro, A Merca, Nogueira de Ramuín, Vilamartín de Valdeorras, Vilardevós, Padrenda, Cualedro, Avión, Baños de Molgas, Taboadela, Vilamarín, Leiro, Xunqueira de Ambía, Castrelo de Miño, Trasmiras, Riós, Lobios, Rairiz de Veiga, Oímbra, Sandiás, Ramirás e Carballeda de Valdeorras.

Os temas que se tratarán nas sesións informativas abranguen aspectos como as novas normas de tráfico, as sancións, o permiso por puntos e a condución nas glorietas.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar