Nunca Máis e Podemos

O meu pai sempre me dixo que, aínda para sachar, se necesita organización. Podemos, o último grande romate electoral, é un movemento, non unha organización política, aínda. Electoralmente funcionou pola levedade do seu discurso, combinado cunha mensaxe utópica que enraíza moi ben coa axitación social e a indignación cidadá. Os problemas comezan cando esa «rebeldía» require darlle xeito organizativo para seguir facendo política.

Primeiramente, moitos acreditan a mensaxe de que dentro todos son iguais… Pero o asemblearismo tamén necesita unhas canles organizativas e uns cargos orgánicos. E os responsábeis corren o risco de ser vistos como a «casta» da que eles abominan.

Canto máis poder político, máis estrutura se necesita para dar resposta ás demandas cidadáns, tanto nas institucións coma nas distintas mobilizacións.

Podemos ten varias almas que, inevitabelmente, entrarán en contradición interna. Coñezo unha delas. A que se nucleou ao carón da emisora comunitaria de Vallecas. Colaborei con eles algúns anos. Os seus integrantes non só lle deron un forte apoio a Nunca Máis, senón que ollaron para este movemento galego como o espello das loitas sociais alternativas.

Viñeron a Galiza a estudalo e concluíron nos seus informes profesorais que podía ser a marca electoral galega para derrotar á dereita. Mesmo pensaban que se debía de converter nunha organización política que aglutinase ao nacionalismo e a esquerda.

Niso coincidían con Méndez Ferrín e con políticos de IU. Daquelas Beiras aínda estaba a debullar no seu pacto con Fraga.

Pensaron mesmo que, aproveitando o «non á guerra», o seu éxito se podía trasladar ao resto do Estado. Tentei explicarlles que para existir «Nunca Máis» tivo que existir a UPG. Que foi esta organización quen soubo non só coller a vaga social, senón pór os medios e as persoas para, primeiro, botala a andar e, logo, converterse nun fito reivindicativo e mobilizador.

Non entenderon os resultados das eleccións municipais, onde o PP non se esfarelou como prevían, pois non acreditan que este partido dotouse dunha estrutura e funcionamento que para si quixeran os clásicos partidos leninistas.

Finalmente, o descontento das vacas tolas, do Prestige e da Guerra do Golfo, tivo o seu reflexo nas eleccións autonómicas, perdendo o incombustible Fraga Iribarne a presidencia da Xunta.

Nunca Máis tivo un papel determinante nese cambio electoral. Pero nin Nunca Máis, nin o bipartito serían posíbeis sen unha forte dinámica organizativa e sen a canseira cidadá coa política do PP.


Alfonso Eiré e xornalista e colaborador de El Correo Gallego

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar