Expourense reune aos líderes mundiais en enerxías renovables

Enerxias renovables Expourense_Rogelio Martínez

A VIII Xornada sobre Enerxías Renovables e Eficiencia Enerxética reúne en Expourense a varios dos líderes mundiais nestes sectores, expertos que son os creadores das investigacións, metodoloxías e produtos que son o referente a seguir polos profesionais que traballan na actualidade nestes sectores. Esta xornada celebrarase mañá, martes no recinto feiral e ofrecerá experiencias pioneiras procedentes dos Estados Unidos, Alemaña e Portugal, e complementarase coa presentación das últimas investigación realizadas polas universidades galegas e das iniciativas e liñas de axudas ás empresas do sector tanto do IGAPE como do INEGA..

Esta xornada foi presentada en Expourense nun acto ó que acudiron ó delegado territorial da Xunta de Galicia, Rogelio Martínez, o director da empresa INGEO-Investigación Geotérmica, Alfredo Fernández, e o director xerente de do recinto feiral, Alejandro Rubín. Trátase dunha aposta de Expourense por divulgar o uso das enerxías renovables e a eficiencia nun momento económico como o actual no que reducir custos está presente tanto nas empresas como a nivel particular, xa que segundo estimacións da Comisión Europea, a eficiencia nerxética pode supoñer un aforro anual de 1.000 euros por familia.

Investigacións na Universidade
A xornada comezará coa presentación das últimas investigacións realizadas nas universidades de Vigo e de Santiago de Compostela e que abordarán a enerxía eléctrica, a biomasa e a solar fotovoltaica. A Escola de Enxeñaría Industrial da Universidade de Vigo presentará o master en “Enerxía e sustentabilidade” e os estudos que analizan a integración na rede eléctrica dos sistemas de xeración baseados en renovables.

O tema da biomasa será tratado pola Escola de Enxeñaría Forestal da Universidade de Vigo. Trátase dun sistema de xeración de enerxía que supón o 50% de todas as fontes renovables que consumen en España e na Unión Europea. Pola súa parte, a representante do Grupo de Aplicacións Enerxéticas Sostibles da Universidade de Santiago de Compostela, falara do desenvolvemento de comunidades sustentables con enerxía solar fotovoltaica.

Conferencias de expertos internacionais
O bloque de experiencias internacionais comezará coa ponencia do Dr. Jeffrey Spliter, profesor da Escola de Enxeñería Aeroespacial e Mecánica da Universidade do Estado de Oklahoma, nos Estados Unidos. Falará sobre o mercado da enerxía xeotérmica e as súas vantaxes sobre o uso doutro tipo de enerxías renovales. Este relator é o maior experto mundial actual no eido da xeotermia, inventor dos métodos de cálculo para analizar as perdas de enerxía dos edificio que urtlizan hoxe en día os profesionais da xeotermia e a climatización.

A seguinte ponencia correrá a cargo dun dos creadores do concepto “Passiv-Haus”, o enxeñeiro Gunter Lindemann, do Steinbeis-Transferzentrum Energietechnik Ulm de Alemaña. É unha práctica a nivel mundial que consiste en planificar edificios ou vivendas que conten cun gran aillamento térmico que, cunha orientación solar axeitada para unha mellor climatización, poden reducir o consumo enerxético nesa construcción ata nun 70%.

Recuperar as perdas enerxéticas producidas coa ventilación, que superan en moitos casos o 30%, será o tema abordado polo alemán Udo Bommert, director técnico de Menerga. As experiencias internacionais rematarán coa conferencia do enxeñeiro mecánico e director de Kasaka Sistemas Enerxéticos de Portugal, Nicolau Cassaca que presentará sistemas de regulamento e control da eficiencia enerxética das vivendas.

Esta xornada rematará coa ponencia do enxeñeiro de Minas e responsable de Edificación do Centro Tecnolóxico EnergyLab que falará sobre a verificación do aforro enerxético.

De xeito complementario a esta Xornada existirá unha zona expositiva na que participarán empresas relacionadas co sector radicadas en Galicia.

Esta Xornada conta co patrocinio do IGAPE e coa colaboración de INGEO – Investigación Geotérmica. A asistencia a esta xornada é gratuíta pero precisa de inscrición previa a través dun envío de mail a expourense@expourense.org ou chamando ó Tfno. 988 36 60 30. Aqueles que se acheguen ata Ourense en tren poderán descargar da web www.expourense.org un bono co 35% de desconto en todas as liñas de RENFE.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar