A Xunta poñerá orde na paisaxe actuando contra as desfeitas urbanísticas

Feijóo_paisaxe galega
O mandatario galego, Alberto Núñez Feijóo, adiantou hoxe que no vindeiro mes de xullo a Xunta presentará a Estratexia da Paisaxe, unha planificación «global” destinada a “dotar de coherencia e a dar valor a toda a normativa que inflúe sobre o medio”. Trátase, abundou, de concentrar e de encadrar “toda a política de custodia e de defensa do territorio e, en consecuencia, dese valor ambiental, patrimonial e económico que é a paisaxe de Galicia”, unha acción “transversal” da que dixo que se manterá durante o conxunto da lexislatura.

O titular da Xunta presidiu esta mañá en Santiago a inauguración da xornada técnica sobre ‘Obxectivos e oportunidades da recuperación e protección da paisaxe galega’, un acto no que remarcou o compromiso dos galegos coa preservación e a proxección cara ao futuro do patrimonio natural, aprendendo dos erros do pasado e sendo máis conscientes da súa importancia como “un recurso patrimonial incuestionable, cun enorme impacto físico e visual pero tamén cunha gran dimensión simbólica e sociocultural”.

Resaltou que Galicia precisa protexer e ordenar o seu territorio e a súa paisaxe e que o Goberno galego se esforza para conseguilo xa desde pasada lexislatura, cando aprobou as Directrices de Ordenación do Territorio e o Plan de Ordenación do Litoral.

Feijóo asegurou que esa vontade seguirá a centrar a acción de goberno “tanto presente como futura”, por canto o Executivo autonómico ten asumido o compromiso de avanzar para garantir “un territorio harmónico, coherente coa súa evolución histórica e capaz de trazar o futuro con criterio e garantías”.

Por ese motivo, sinalou que a Xunta está a poñer en marcha ferramentas normativas como a Lei do Solo, que se aprobará ao longo desta lexislatura e que “pon o foco na recuperación do protagonismo do mundo rural e na consecución dunha protección efectiva da paisaxe”. Segundo engadiu, trátase da peza básica na construción do territorio, que procura a participación e a complicidade dos distintos colectivos implicados na materia para conseguir “un urbanismo responsable e compartido”.

O mandatario autonómico resaltou que a Lei do solo incluirá determinacións para que a construción e as instalacións se adapten ao contorno, en aspectos como: as tipoloxías edificatorias; as formas e os materiais, que deberán ser acordes e coas construcións anexas; ou as cores empregadas no remate das edificacións, que serán as tradicionais da zona. Ademais, informou de que en lugares de paisaxe aberta ou natural non se permitirá que as construcións limiten o campo visual.

Na mesma liña, Alberto Núñez Feijóo concretou que a futura Lei recollerá medidas para erradicar as edificacións inacabadas e dotará as administracións local e autonómica de competencias para ditar aos propietarios ordes de execución das obras necesarias para o remate das construcións e para acudir, se é necesario, aos medios de execución forzosa, entre outras accións.

O presidente da Xunta destacou que o Goberno galego está a traballar tamén no desenvolvemento da Lei da Paisaxe, que permitirá contar cun Atlas das paisaxes de Galicia en 2015 e coas Directrices da Paisaxe da Comunidade ao longo da lexislatura.

Xunto con isto, o titular do Executivo galego puxo en valor o importante esforzo que se está a realizar no eido da xestión, coa posta en marcha de campañas de sensibilización nos medios de comunicación ou cun “potente plan de formación” sobre a paisaxe, integrado nos centros de ensinanza, unha iniciativa que ven de ser seleccionada polo Ministerio para representar a España no Premio Internacional de Dubai sobre Mellores Prácticas para mellorar as condicións de vida.

GUÍA DE BOAS PRÁCTICAS
Nese marco, Feijóo destacou a presentación na xornada de hoxe ante os responsables políticos municipais da Guía de boas prácticas para a intervención nos núcleos rurais, que establece as liñas mestras para a recuperación da paisaxe rural e que “marcará un antes e un despois na protección e na recuperación da paisaxe galega”.

O mandatario autonómico avanzou que esta guía, que terá unha réplica centrada na intervención sos sistemas praia-duna, inclúe vinculacións normativas, tal e como establece a Lei da paisaxe, e será tamén “unha ferramenta de axuda para todos aqueles axentes que teñan que tomar decisións en relación co territorio”.

A guía, que posteriormente foi presentada en detalle polo seu autor, o catedrático de Urbanismo e da Ordenación do Territorio da Universidade da Coruña José Cebrián-Tello, recolle aspectos como: a definición do deseño máis apropiado para as construcións, acorde coa tipoloxía do núcleo; os emprazamentos máis axeitados; criterios para tratar os espazos comúns e a súa humanización; pautas para mellorar as infraestruturas; directrices para a renovación urbanística das edificacións existentes; ou normas para a ampliación homoxénea e compacta dos núcleos de poboación.

“En definitiva, falamos dunha guía que nace coa vocación de converterse nun instrumento efectivo para racionalizar o crecemento dos núcleos rurais a través de modelos e alternativas contemporáneas, que conserven e potencien un modelo de asentamento sustentable”, subliñou Feijóo.
Tema: Goberno galego; Medio ambiente; Conservación da natureza

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar