O tráfico internacional de Lavacolla subíu en maio un 25%

Avión_despegue aeroporto Lavacolla Nos cinco primeiros meses do ano, o aeroporto de Santiago suma preto de 140.000 pasaxeiros nas súas conexións internacionais regulares. No mes de xuño inaugúranse as novas conexións a Roma e Amsterdam, co que o aeroporto terá a maior conectividade internacional da súa historia.
O aeroporto de Santiago sumou 41.351 pasaxeiros nas súas conexións internacionais directas no mes de maio, o que representa un crecemento do 25% respecto dos 32.971 pasaxeiros que houbo nestas conexións no mesmo mes do ano pasado. Trátase dun crecemento importante, sobre todo tendo en conta que o ano 2013 xa foi o ano con maior tráfico internacional na historia de Lavacolla.

O crecemento no tráfico internacional no aeroporto de Santiago no mes de maio debeuse en gran medida a dous factores: a inauguración da nova conexión de Vueling con Bruxelas, un destino demandado tradicionalmente polo sector turístico da cidade, e ás conexións coas que conta a cidade dende hai meses, pero que non estaban aínda dispoñibles en maio do ano 2013, Londres-Gatwick e Estambul, que comezou a operar a mediados de maio do ano pasado.

A previsión é que o tráfico internacional continúe aumentando no aeroporto de Santiago respecto dos anos precedentes, xa que en xuño Vueling engadirá dúas novas conexións con mercados turísticos estratéxicos para a cidade: Roma e Amsterdam. Con estas conexións, o aeroporto de Santiago terá a maior conectividade internacional da súa historia, con enlaces directos a: Roma, Bruxelas, Amsterdam, Londres Stansted, Londres Gatwick, Frankfurt, Milán, París, Dublín, Estambul, Xenebra, Zurich e Basilea.

Cos datos do mes de maio, as conexións internacionais directas de Lavacolla suman xa preto de 140.000 pasaxeiros, cando no mesmo período do ano pasado superábanse lixeiramente os 100.000. Estes datos van na liña do obxectivo que se marcou dende comezo de ano dende o Concello: que o aeroporto de Santiago alcance por primeira vez na súa historia os 400.000 pasaxeiros en conexións internacionais, superando deste xeito en máis de 50.000 pasaxeiros o récord que se conseguiu o ano pasado.

Es necesarios estar conectado para escribir un comentario Conectar